Os medios públicos galegos obteñen, por sétimo ano consecutivo, o Indicador ARDÁN de 'Empresa Igual en Xénero' - CSAG
Os medios públicos galegos obteñen, por sétimo ano consecutivo, o Indicador ARDÁN de 'Empresa Igual en Xénero'
A Corporación recibiu tamén, por segunda vez, o indicador como ‘Empresa Circular’

Santiago, 13.11.2025.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia recibiu a acreditación que a recoñece por sétimo ano consecutivo como Empresa Igual en Xénero, e repite, por segunda vez, o indicador de Empresa Circular. Estes Indicadores ARDÁN son outorgados polo servizo de información empresarial desenvolvido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, que se publica anualmente.
O indicador de Empresa Igual en Xénero é outorgado ás empresas “con altos valores en igualdade desde unha perspectiva de xénero no eido laboral, medida en tres dimensións: igualdade de funcións, igualdade de retribucións e igualdade de actuacións”.
Nesta edición de 2025, a Corporación acada tamén un segundo indicador como Empresa Circular, xa recibido en 2024, que se entrega ás empresas que “implementan unha estratexia de economía circular, para o cal establecen colaboracións con grupos de interese e incorporan criterios circulares no consumo de recursos, no deseño e produción dos seus produtos e, en xeral, no conxunto dos seus procesos produtivos”, segundo comunica a distinción do Informe ARDÁN.