Os seis semifinalistas de 'Bailamos' loitan este sábado polo pase á gran final - CSAG
Os seis semifinalistas de 'Bailamos' loitan este sábado polo pase á gran final
As fortes emocións serán protagonistas nunha gala (22:00 h) que abrirá a compañía Nova Galega de Danza e en que os concursantes eliminados tamén terán un papel destacado

Santiago, 16.5.2026.- O programa ‘Bailamos’ celebra esta noite unha semifinal decisiva en que se escollerán os tres finalistas desta edición. Co premio de 10.000 € xa no horizonte, Hemellyn, Mattia, Iria, Noelia, Nely e Uxía, os seis concursantes que continúan en liza enfrontaranse ao reto máis esixente ata o momento, defendendo actuacións individuais coas que buscarán o pase á gran final.
A noite arrancará cunha potente apertura a cargo da compañía Nova Galega de Danza, dirixida por Jaime Pablo Díaz, que traerá ao escenario unha homenaxe á tradición galega. Ademais, cumprirase unha das promesas máis agardadas do programa: Tomás volverá ao escenario para bailar xunto á compañía e compartir un momento moi especial co propio Jaime Pablo.
Cada semifinalista apostará por unha proposta moi persoal para defender o seu pase á final, con propostas intensas. Así, Uxía sorprenderá cunha actuación cargada de emoción, mentres Noelia, reforzada tras a súa última vitoria, centrará a súa coreografía na liberdade persoal. Pola súa parte, Iria porá en valor a súa evolución no programa; Nely defenderá unha proposta intensa e Hemellyn converterá o escenario nun espazo de superación e canalización de emocións na súa vida persoal.
As fortes emocións serán protagonistas nunha gala en que os concursantes eliminados tamén terán un papel destacado ao posicionarse publicamente cos seus favoritos. Ao longo do programa, os concursantes recibirán tamén o apoio das súas familias e seres queridos, nunha noite de gran nivel artístico e emocións a flor de pel. Así, por exemplo, os espectadores vivirán o reencontro de Mattia coa súa nai, chegada desde Italia tras oito meses sen verse, e unha data moi especial para Uxía.
A decisión final non será doada e o xurado enfrontarase a unha das eleccións máis complicadas da edición. Só tres conseguirán o ansiado pase á final, pero, quen quedará ás portas?
