div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Semana europea de baloncesto e hóckey sobre patíns na G2 e na plataforma AGalega.gal

O mércores ofrecerase o partido Ostrava-Baxi de Ferrol, correspondente á cuarta xornada da Eurocup Women, e o xoves a atención estará posta no Palacio dos Deportes de Riazor, onde se disputará o encontro de Champions Liceo-Oliveirense

csag.gal 04/11/2025 16:30

Santiago, 04.11.2025.-    A segunda canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal teñen reservadas esta semana dúas retransmisións das competicións europeas en que participan equipos galegos. O mércores, o Sportovni Hala Ostravske Univerzity acolle a cuarta xornada da Eurocup Women, en que o Baxi Ferrol visita o Ostrava da República Checa.

O equipo departamental xa está clasificado para a seguinte fase, suma catro triunfos e ten como obxectivo acceder como primeiro de grupo aos cruzamentos. O rival desta semana só gañou un partido nesta liguiña e na súa visita ao pavillón da Malata caeu por un contundente 100-64.

O Ostrava-Baxi xogarase desde as 19:15 h do mércores, e os espectadores poderán gozar da emisión íntegra do encontro cos comentarios de Patricia Rodríguez Juste e de Edgard Paz.

Xa o xoves, a partir das 20:30 h, o hóckey sobre patíns será o protagonista na G2 e en AGalega.gal, co comezo da nova temporada da Champions League. O Liceo da Coruña volve estar presente na principal cita continental e o sorteo do calendario quixo que o primeiro enfrontamento sexa no Palacio dos Deportes de Riazor ante o Oliveirense de Portugal. O cadro herculino afronta a estrea europea tras recibir unha contundente goleada (4-0) o pasado domingo en Igualada, dentro do campionato de Liga.

Óscar Benito encargarase de achegarlle á audiencia a narración dos 50 minutos de xogo, acompañado por Xosé Ramón López Regos nos comentarios técnicos.

Na fin de semana continuarán as retransmisións deportivas na segunda canle da TVG, co derbi da Primeira RFEF desde o Espiñedo entre o Arenteiro e o Rácing de Ferrol, o sábado ás 16:15 h. Contra as 18:30 h, a G2 e AGalega.gal incorporarán na grella a final da Copa RFEF desde O Couto entre o Ourense C. F. e o Orihuela. O domingo, a plataforma dos medios públicos seguirá ofrecendo en exclusiva o fútbol da Segunda RFEF, co Fabril-Bergantiños ás 12:00 h, e, desde 17:00 h, o Coruxo-Lealtad.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade