Supersábado de 'Galicia en Goles', coa retransmisión dos partidos Alavés-Deportivo e Real Madrid-Celta - CSAG
Supersábado de 'Galicia en Goles', coa retransmisión dos partidos Alavés-Deportivo e Real Madrid-Celta
O programa adianta o comezo ás 13:45 h, pola Radio Galega e AGalegaAudio.gal
O domingo, o protagonista será o baloncesto, cos partidos Obradoiro-Xirona, Básquet Coruña-Lleida e Valencia Basket-Río Breogán

Santiago, 19.11.2026.- Roberto Carlos Carballo conduce esta fin de semana 26 horas de programación deportiva a través da Radio Galega e de AGalegaAudio.gal. O venres, na primeira edición da semana, o ‘Galicia en Goles’ analizará cos protagonistas o calendario de eventos en que van estar presentes equipos e deportistas galegos.
O sábado, o programa adianta o comezo 13:45 h para contar unha intensa xornada de fútbol de Primeira División. O Deportivo visita o Alavés en Mendizorroza como noveno clasificado con 15 puntos (tres vitorias, seis empates e tres derrotas), despois de gañar 2-1 ao Osasuna e empatar 0-0 co Español. O Alavés é o décimo segundo con 13 puntos (tres vitorias, catro empates e cinco derrotas) e leva cinco partidos sen gañar, tras perder 6-1 no Camp Nou e empatar sen goles en Sevilla.
Pola noite, o Celta xoga no Santiago Bernabeu coa preocupación de que leva sen gañar nas últimas tres xornadas, en que sumou dous puntos e non foi quen de marcar gol. Enfronte ten un Real Madrid segundo na Liga con 30 puntos e que fixo pleno de vitorias nos últimos cinco partidos do campionato.
Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 11:45 h con moito baloncesto. O Obradoiro recibe o Xirona cun balance de tres vitorias e cinco derrotas e enlaza tres tropezos seguidos, os dous últimos en Manresa e Barcelona. Ao mediodía tamén xogan no Coliseum o Básquet Coruña e o Lleida, nunha cita chave para os herculinos ante un dos dous pechacancelas do campionato. O fútbol tamén estará presente desde O Couto, co derbi da Primeira RFEF entre a U. D. Ourense e o Rácing de Ferrol. Os dous equipos están necesitados de puntos para engancharse aos seus obxectivos: o da permanencia para os locais e o de entrar na fase de ascenso para os visitantes.
Pola tarde, desde as 14:45 h, a atención estará posta no fútbol profesional. O Celta Fortuna, décimo sétimo na Segunda División, con 13 puntos, recibe en Balaídos o Real Valladolid. Os celestes encadearon dúas derrotas a domicilio, 2-1 en Burgos e 1-0 en Albacete, mentres os de Zorrilla tampouco sumaron a semana pasada ao perder co Castellón. A xornada deportiva complétase co Valencia Basket-Río Breogán, da Liga ACB. O cadro local está segundo na clasificación e parte como favorito ante un rival galego que é sexto e segue soñando con entrar na próxima edición da Copa do Rei.
#GaliciaEnXogo
A partir das 23:00 h, o ‘Galicia en Goles’ abrirá unha ventá ao proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo para darlles visibilidade a outras disciplinas deportivas. No primeiro treito, Rodrigo Pérez achegará á audiencia a última hora do mundo do motor e a partir das 23:30 h, Toni López conversará con deportistas galegos que aspiran a competir dentro de dous anos nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles.