div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Estreas, unha gran gala en directo e todos os eventos da Semana de Galicia, na TVG e a Radio Galega

O venres 24, TVG, Radio Galega e AGalega.gal emitirán a entrega das Medallas de Galicia e os Fogos do Apóstolo, e xa o 25 poderase seguir a institucional Ofrenda na Catedral e gozar da gala ‘A festa interminable’

A G2 propón estreas de ficción, cinema galego e documentais que porán o foco na identidade, a cultura e o patrimonio galegos

O ‘Telexornal Mediodía’ do 25 de xullo emitirase desde a terraza do edificio de Correos de Santiago

csag.gal 20/07/2026 13:14

Santiago, 20.07.2026.-    Desde este luns, a TVG e a Radio Galega poñen o foco na Semana Grande de Galicia cunha programación especial que incluirá espazos en directo, as retransmisións dos actos institucionais e unha gran gala de música tradicional galega.

Na véspera do Día do Apóstolo, o venres 24, a TVG e a Radio Galega ofrecerán en directo desde a Cidade da Cultura (13.00 h) a entrega das Medallas de Galicia. Pola noite, os espectadores da TVG poderán ver o especial ‘O Día de Galicia’, que percorrerá o país para participar das celebracións en honor a Santiago, patrón de Galicia. Desde o Obradoiro, Lucía Rodríguez conducirá este espazo, narrando todo o que irá acontecendo na monumental praza e dando paso a cinco reporteiros despregados por distintos puntos de Galicia. De seguido (23.30 h) TVG e Radio Galega retransmitirán o tradicional espectáculo pirotécnico dos Fogos do Apóstolo, que este ano recupera a proxección de luces sobre a fachada do Pazo de Raxoi nunha emisión conducida por Arturo Fernández, apoiado polo xornalista e profesor Manuel Gago.
    
No Día de Galicia, a TVG retransmitirá a Ofrenda ao Apóstolo Santiago, coa parada militar previa á misa na Catedral de Santiago, mentres que o ‘Telexornal Fin de Semana’, presentado por David Valverde, se ofrecerá desde o corazón de Compostela, a terraza de Correos, con vistas á Catedral.

Pola noite, Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar presentarán a ‘Gala do 25 de xullo’. Titulada este ano ‘A festa interminable’, a gala establecerá unha ponte entre a tradición e as novas tendencias musicais con formacións históricas e referentes da música tradicional que dialogarán con artistas e grupos actuais.

Estreas de ficción, cinema galego e documentais, na G2

A G2 tamén dedicará unha programación especial á Semana de Galicia. Este luns comeza a emisión diaria da serie internacional ‘3 Camiños’ despois do ‘Telexornal Mediodía’. O martes emitirase o documental ‘O esforzo do pobo galego’, que percorre a transformación económica e social de Galicia ao longo das últimas décadas, e o mércores ofrecerase ‘The Way (O Camiño)’, un dos filmes internacionais máis recoñecidos dedicados á experiencia da peregrinación a Compostela. O xoves, día 23, a protagonista será a música, co concerto do 25º aniversario de SonDeSeu, mentres que o venres 24 a segunda canle estreará o documental ‘O escalatorres e o Rei’, que recupera un curioso episodio acontecido o 24 de xullo de 1909, cando o rei Alfonso XIII visitou Santiago. A programación da segunda canle o sábado 25 inclúe a estrea televisiva de ‘Paradas no Camiño’, un percorrido polo Camiño Portugués, e, xa pola noite, tempo de cine con ‘La Parra’, un retrato hipnótico e decadente de Ferrol dirixido por Alberto Gracia. 

Programas especiais da Radio Galega

A xornada do venres 24, a emisora pública realizará no programa ‘A Tarde’ un amplo seguimento da xornada, con conexións en directo desde Santiago para achegarlles aos oíntes o ambiente das horas previas á gran noite do Apóstolo. A programación especial continuará o sábado 25 de xullo. ‘Galicia por Diante Fin de Semana’ dedicará boa parte da súa emisión á celebración do Día Nacional de Galicia, con conexións en directo e información sobre os principais actos. A música tomará o relevo en ‘Sabrosura Fest’, que achegará ao estudio multimedia da Radio Galega artistas e grupos galegos para celebrar, con actuacións e entrevistas, unha das datas máis emblemáticas do país.

Todas as propostas, dispoñibles en AGalega.gal

A emisión do sinal de TVG permite á plataforma dixital AGalega.gal multiplicar o alcance da programación, tanto en directo como baixo demanda. Esta cobertura complétase cunha nova oferta de estreas de cinema, series e documentais que reforzan o catálogo da plataforma, como o documental ‘Os meus amigos españois’ e as películas ‘A maldición de Provins’, ‘Un cabaré no campo’ e ‘Asasinato no Camiño de Santiago’.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade