Xabarín.gal inicia o mes de Nadal con novas estreas para toda a familia - CSAG
Xabarín.gal inicia o mes de Nadal con novas estreas para toda a familia
Durante esta ponte festiva, porase á disposición unha nova sección dedicada ás músicas do Xabarín, e incorporaranse novos capítulos de ‘Os Bolechas. Historia de Galicia’, ‘Maddie e Triggs’ e ‘Sonic Boom’

Santiago, 05.12.2025.- Xabarín.gal arranca o mes de Nadal cunha ampla oferta de contidos pensados para gozar en familia durante a ponte festiva que hoxe comeza. Así, este venres chega á plataforma infantil da CSAG unha nova sección dedicada ás músicas do Xabarín, que reunirá desde videoclips clásicos ata as últimas cancións de ‘Galiworld’ ou ‘Bibopalula’.
O sábado 6 incorporaranse tres novos capítulos de ‘Os Bolechas. Historia de Galicia’, unha proposta ideal para nenos e nenas maiores de 6 anos. O domingo será a quenda dos máis pequenos, con cinco novos episodios de ‘Maddie e Triggs’, a serie que presenta a diversidade funcional nun ton positivo a través das aventuras dunha nena con discapacidade visual e a súa mascota.
Finalmente, o luns 8 de decembro estrearanse cinco novos capítulos de ‘Sonic Boom’, a versión animada do icónico personaxe dos videoxogos. Acción, humor e amizade nunha serie de éxito internacional que reforza a aposta de Xabarín.gal por ofrecer animación de calidade en galego para todos os públicos.