div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Noticias corporativas

Publicador de contidos

O tema 'Soará o Nadal', do grupo de rapaces Xeración M, gaña o concurso de Nadal da CRTVG

Santiago, 12.12.2022.-   A canción ‘Soará o Nadal’, do grupo Xeración M, é a gañadora do concurso musical ‘Este Nadal canta con nós’ da CRTVG. Será a melodía coa que os medios públicos felicitarán as festas a todos os galegos e galegas este 2023 xa que o tema gañador poderá escoitarse na TVG, a Radio Galega e nas redes sociais da CRTVG todo o Nadal.  

O xurado, composto por Iago Pico, produtor musical de Tanxugueiras; Fernando R. Ojea, director da Área de Contidos da CRTVG; Rosa Sierra, subdirectora de Programación e Emisións da TVG; Vanessa Grela, xefa de Programación da TVG, e Tania F. Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, destacou a calidade da peza musical e do vídeo presentado e o esforzo que hai detrás da proposta ‘Soará o Nadal’.

Na presente edición, ‘Este Nadal canta con nós’ recibiu 33 propostas, entre as que o xurado elixiu a gañadora e cinco finalistas. O grupo Xeración M, que recibirá un premio económico de 1.500 euros, está conformado por cinco cativos de once e doce anos, procedentes de Mos, Salceda de Caselas e Ponteareas. Todos eles todos estudan en Maison Escola de Música e Danza do Porriño. 

Esta é a novena edición do concurso musical da CRTVG, que anteriormente gañaron Noa, o seu pai Juan Antonio e o seu avó Arturo, co tema ‘‘Vivamos xuntos o Nadal’; Iván Vale, coa canción ‘O meu Nadal perfecto’; Plan Siberia, con ‘Xunto a ti’; os alumnos e profesores do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, con ‘Cando é Nadal’; Susana Martínez, co tema ‘O sinal’; o CEIP de Meaño, con ‘Saúde e cante o merlo’; Kiko Bea, con ‘Un Nadal distinto’, e o grupo xuvenil King Kids, con  ‘Un bo Nadal’.
 

ler máis

'O soño da sultá', película de animación participada pola TVG, nominada aos Premios Goya 2024

Santiago, 04.12.2023.-  O filme ‘O soño da sultá’, participado pola TVG, acaba de ser nomeado aos Premios Goya 2024, na categoría Mellor película de animación. A cinta, que tamén competiu na 71º edición do Festival Internacional de Cine San Sebastián, ZINEMALDIA, contou desde o lanzamento co recoñecemento da crítica e xa leva recollidos varios galardóns. Ademais de ser a primeira longametraxe de animación europea en participar na sección oficial en San Sebastián, logrou o Premio Irizar ao cine vasco e mais o Premio da Asociación Vasca de Guionistas Euskal Gidoigileen Elkartea, outorgado a Isabel Herguera, directora e guionista da produción, e o seu coguionista, Gianmarco Serra. A nivel internacional acadou o Premio Mellor Coproducióninternacional no Festival de Hamburgo e agora opta, ademais de ao Goya, ao Premio Forqué.

 ‘O soño da sultá’ é unha fabula producida pola empresa galega Abano producións, que, ademais, contou con dúas animadoras galegas no equipo de traballo. Está inspirada nun conto feminista indio, escrito en 1905 por Rokeya Hossain. A versión de Isabel Herguera conta a historia de Inés, unha directora de animación española que se atopa en Ahmedabad para romper co seu amante indio. Entra nunha librería e sorpréndese ao atoparse cunha novela ambientada nun país imaxinario gobernado por mulleres. Abraiada pola historia e a actitude transgresora da autora, anímase a facer un filme.

O filme participado pola TVG é unha coprodución internacional con Alemaña, que contou tamén co apoio de ETB, o Goberno vasco e o ICAA, e coa axuda de Media Creative Europa e da distribución de Filmin. Estreouse o pasado 17 de novembro nesta plataforma e, cun percorrido de máis de 20 festivais nacionais e internacionais, posúe o distintivo Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero.
 

ler máis

'O home e o can', filme participado pola TVG, premio á mellor película internacional no Ciberblue Films Festival

Santiago, 04.12.2023.-  A película ‘O home e o can’, unha produción de Ézaro Films e Caladiño Filmes participada pola Televisión de Galicia, acaba de lograr o premio á mellor longametraxe Internacional no Ciberblue Films Festival de Vigo. Este é o décimo sexto galardón que obtén en festivais internacionais a cinta dirixida por Ángel de la Cruz, encargado de recoller este último recoñecemento.

Rodada integramente en galego e en branco e negro, a película aborda temas como a soidade non elixida, o envellecemento da poboación ou o abandono do rural. Protagonizada por Manuel Manquiña e Paula Chaves, conta tamén no elenco con actores como Gonzalo Uriarte, Isabel Blanco e Estíbaliz Veiga. Ademais, a banda sonora está composta e interpretada polo pianista ourensán Jaime Fernández Garrido

Segundo o seu director, ‘O home e o can’ é unha homenaxe ao neorrealismo italiano, que quere dar visibilidade a varios dos problemas da Galicia actual. Conta a historia de Manuel, un home coas súas capacidades intelectuais afectadas que non saíu nunca da aldea, onde vive completamente só tras a morte da última veciña. A única compaña que ten é a do seu inseparable can, ata que un accidente deste o obriga a marchar á cidade na busca dun veterinario. No medio deste caos, o protagonista atopará a Paula, quen foxe dun fogar desestruturado en busca de liberdade. Estes dous personaxes, aparentemente antagónicos, converteranse, sen agardalo, en amigos unidos pola soidade.
 

 

ler máis

Entregados os XI Premios 'Nós tamén creamos!' ás curtas de animación en galego de seis centros educativos

Santiago, 01.12.2023.- Os nenos e nenas gañadores do premio de curtas de animación en galego ‘Nos tamén creamos!’ recibiron os seus galardóns este venres no marco do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebra en Pontevedra. O certame ten por finalidade fomentar a lectura en lingua galega e achegar o mundo audiovisual aos máis cativos.

No acto, en que se proxectaron as seis curtas premiadas, participaron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Judith Fernández Novoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Borja Guerrero Parapar, responsable da Área Audiovisual de OQOeditora e Marta Fernández Sánchez, xefa de Comunicación Corporativa e RSC da CRTVG, quen salientou o traballo dos mestres no proxecto e a calidade das curtas, que emitirán proximamente os medios públicos galegos.

Os tres centros gañadores foron a EEI do Milladoiro, en 2º ciclo de Infantil, pola curta ‘Tonino. Un pingüín en Ames’; o CEIP Plurilingüe Feliciano Barreira de Ponteareas, na área de 1º e 2º de Educación Primaria coa curta  ‘O cascabel da gata’; e o CEIP Padre Feijoo de Allariz, con ‘Sígueme’, na área de 3º e 4º de Educación Primaria. Ademais, foron premiados con accésits o CEE A Barcia, de Santiago, polo proxecto ‘Non fai falta a voz’; o CEIP A Canicouva, de Vigo pola curta ‘A princesa do Caurel’; e o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, de Sober pola súa curta tamén sobre o conto ‘A princesa do Caurel’.
 

ler máis

A CRTVG, presente en Culturgal cun programa en directo e un estudio virtual do 'Telexornal'

Santiago, 30.11.2023.-    A CRTVG regresa esta fin de semana a Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra do 1 ao 3 de decembro e que contará cunha ampla cobertura dos medios públicos galegos.

A Corporación instalará no recinto un estudio virtual dos servizos informativos, cun fondo chroma que lles permitirá aos visitantes converterse por uns minutos en presentadores dun ‘Telexornal’, lendo a cámara noticias reais dun informativo da TVG. Ademais, na xornada inaugural do venres, o público poderá asistir á emisión en directo do ‘Diario Cultural’ da Radio Galega que amplía a súa duración de 17:00 a 18:00 h.

Presentado por Ánxela Diéguez e Belén Regueira, o espazo entrevistará o director de Culturgal, Camilo Franco, e a May Díaz, presidenta da Fundación Moldes, que se presenta na feira. A edición especial do programa pulsará o ambiente do encontro: entrevistará a Luz Castro, comisaria da exposición de videoxogos galegos que se mostra no recinto, e falará coa poeta Dores Tembrás sobre o seu novo poemario, mentres que a colaboradora Eva Mejuto levará os oíntes polo mundo dos libros infantís. E o sábado, a edición de fin de semana do ‘Zigzag’ recibirá tamén a visita do director de Culturgal, Camilo Franco.

Culturgal conta este ano cunha programación que reunirá máis dun cento de actividades onde o público poderá coñecer as novidades editoriais e audiovisuais, novas propostas de artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas vinculadas ao mundo da arte. Unha das novidades deste 2023 é que contará con cinco escenarios (literatura, música, escénicas, infantil e arte), polos que desfilarán propostas como recitais, proxeccións, presentacións, obradoiros e concertos.

ler máis

A TVG, líder en Galicia e a canle autonómica máis vista

Momento do 'Telexornal Mediodía', presentado por Marta Darriba

Santiago, 30.11.2023.-   Os datos da terceira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) publicados este xoves sinalan a Televisión de Galicia como a canle líder na comunidade cunha cota do 20,8%, tanto de luns a venres como no conxunto da semana, e como referente informativo absoluto da sociedade galega.

Con este 20,8%, a TVG é líder con 6,9 puntos máis, de luns a venres, que o seguinte competidor, Antena 3, e case duplicando os resultados da outra canle pública que emite en Galicia (TVE, 11,78%).

No mediodía, ‘Galicia Noticias’ e o ‘Telexornal’ marcan o liderado informativo

 A audiencia dos informativos da Galega non deixa de medrar neste 2023. Na sobremesa, ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’ marcan o liderado informativo. Na franxa entre as 13:00 e as 17:00 h, a TVG acada o 35,3% de cota de pantalla, case triplicando a audiencia de TVE (cunha media do 13,2%). E no tramo inicial do ‘Telexornal Mediodía’, de 14:30 a 15:00 h,  chégase ao 47,8% de cota.

Os bos datos reflíctense desde primeira hora: o matinal ‘Bos Días’, na franxa de 8:30 a 13:30, consegue un 25,7%. Polas tardes, entre as 17:00 e as 20:00 h, a franxa de entretemento acada o 11,6%. E a franxa da noite, que contén a cita informativa do ‘Telexornal Serán’, acada o 26,5%, segundo os datos do EXM desta última onda do ano.

Na franxa de noite (entre as 20:00 e as 04:00), a TVG acada tamén o liderado en Galicia cunha cota do 16,2%, a 1,6 puntos de distancia do competidor máis próximo (Antena 3, cunha cota do 14,6%). Destacan sobre todo os luns, cunha cota do 23,1%.

Por días da semana, o Estudo Xeral de Medios salienta as cotas de pantalla acadadas os luns, cun 26,8%, e os domingos, cun 22,9%.

TVG é líder tamén das canles autonómicas

Entre as televisións autonómicas reunidas baixo o paraugas de FORTA, Televisión de Galicia é a que acada maior cota, superando nesta onda do EXM en 2,7 puntos de cota ao seguinte competidor, TV3 (18,1%), no conxunto da semana. De luns a venres, a cota da canle galega, 20,8%, atópase a 1 punto de cota de TPA (19,8%).

ler máis

Radio Galega logra o mellor dato de audiencia da súa historia, con 225.000 oíntes

Kiko Novoa e Cristina García, presentadores do 'Galicia por Diante'

Santiago, 30.11.2023.-   Radio Galega logra o mellor dato de audiencia da súa historia con 225.000 oíntes diarios de luns a venres e 188.000 de luns a domingo, segundo os datos da terceira onda do Estudo Xeral de Medios, publicada este xoves. Radio Galega Música tamén experimentou un incremento de audiencia. Chegou aos 31.000 oíntes de luns a domingo e 28.000 de luns a venres. En total, o grupo de emisoras da radio pública galega alcanzou a cifra histórica dos 253.000 oíntes diarios de luns a venres e 219.000 de luns a domingo.

Con respecto á anterior onda, a Radio Galega incrementou a súa audiencia nun 58,4% de luns a venres, con 83.000 novos oíntes.

Cifras históricas durante as 24 horas do día

O programa ‘Galicia por Diante’, conducido por Silvia Pereira e Kiko Novoa, marca tamén a mellor cifra da súa historia, acadando os 150.000 oíntes. O programa mantén a boa tendencia nas fins de semana da man de Luís Ojea e Victoria Rodríguez.

As madrugadas do ‘Pensando en ti’, presentadas por Ricardo Saavedra, dobran os datos das últimas ondas ata alcanzar a cifra dos 75.000 oíntes diarios. Na fin de semana, a edición de Marcial Mouzo tamén goza dos mellores datos da historia, con 55.000 oíntes. O programa ‘A Tarde’, dirixido por Antón Rebollido, tamén obtén algarismos históricos, ao medrar nun 74% a audiencia con respecto á segunda onda do EXM.

Os informativos ‘A Crónica’, con Xosé Valiñas e Xosé Luís López Vila, manteñen e aumentan tamén as súas audiencias con respecto á segunda onda, cunha suba pronunciada no informativo da tarde dun 60% máis de oíntes que na onda anterior, e que posicionan a radio pública galega como referente da información en Galicia.

No apartado deportivo, o programa ‘Galicia en Goles’, dirixido por Xoán Galán, experimenta unha pronunciada suba os dous días, sábado e domingo. O domingo practicamente duplica a audiencia acadada na segunda onda. Pola semana, o programa de análise ‘Ao contraataque’, de Pedro Pablo Alonso, chega a 24.000 persoas cada día, un dos mellores datos da historia do programa.

No que atinxe á cultura, as tres edicións do ‘Diario Cultural’ tamén acadan unha cifra histórica de seguimento por parte da audiencia, con 52.000 impactos diarios de luns a venres. A edición ‘Diario Cultural Zeta’ para a mocidade chega a 7.000 persoas nas fins de semana.

Tamén no apartado da especialización xornalística, o programa ‘Mar de Ardora’, dirixido por Xusto López Carril, alcanzou a cifra histórica dos 30.000 oíntes.
 

ler máis

Rexeitados os recursos presentados contra a cobertura electoral da CRTVG

Santiago, 04.07.2023.-   A Xunta Electoral Provincial da Coruña deu traslado, na mañá do martes 4 de xullo, de senllos acordos sobre os recursos presentados contra o Plan de Cobertura Electoral da CRTVG de cara ás eleccións xerais do 23 de xullo.

Ante o recurso do BNG, a Xunta Electoral Provincial da Coruña estima as alegacións feitas pola CRTVG na súa totalidade e acorda “rexeitar a reclamación formulada” polo BNG, xa que non existe “vulneración dos principios recollidos no art. 66 da LOREG“, conclúe o texto.

Con respecto á reclamación de Vox, a Xunta Electoral Provincial da Coruña acorda tamén “desestimar a reclamación” que versaba sobre a pretensión de participación desta formación nos debates e entrevistas electorais, e acadar máis tempo de cobertura.

A CRTVG, a data de hoxe, non recibiu ningún recurso máis contra o Plan de Cobertura Electoral de cara ás eleccións xerais.

Nas pasadas eleccións municipais do 28-M, tanto a Xunta Electoral Provincial como a Xunta Electoral Central resolveron a favor da Corporación todos os recursos presentados polas diferentes formacións políticas.

ler máis

A TVG estrea a súa nova serie para cativos 'Bechos' co obxectivo de aprender a coidar a natureza

Santiago, 24.08.2023.- A Televisión de Galicia presenta mañá a súa nova serie de animación infantil, ‘Bechos’, dentro do festival o Castelo Conta. 

A sección matinal do evento acollerá a estrea da nova serie de debuxos da TVG que está destinada para os máis pequenos da casa, para un público de un a seis anos. Esta estrea contará coa presenza da xefa de Extensión Audiovisual da CRTVG, Alba Mancebo, e cun dos protagonistas dos debuxos, o actor Xosé Antonio Touriñán, que lle presta a voz ao xabarín Xurxo. Tras a estrea, a TVG lanzará de forma simultánea os dez capítulos de cinco minutos de duración a través da súa canle de YouTube, para que toda cativada poida gozar da serie completa a partir deste venres 25 agosto. 

 

'Bechos’ e o medio ambiente

‘Bechos’ é un proxecto infantil divulgativo con contido animado sobre o medio ambiente. Pretende sensibilizar os máis novos sobre as cuestións medio ambientais inmediatas e actuais visibles en Galicia e máis aló. Para iso ‘Bechos’ recolle as aventuras de catro amigos: Catuxa, Xurxo, Xiana e Margarida. Os protagonistas son catro animais moi presentes en Galicia, que trasladarán aos espectadores máis cativos historias universais. Xurxo é un xabaril preguiceiro e de gran corazón, ao que lle gusta e durmir e a torta de landras; a raposa Catuxa, espelida e imaxinativa, é a líder do grupo; a vaca Margarida, quere ser unha gran aventureira, pero é a que pon a prudencia, e a toupa Xiana, busca ser sempre o centro de atención e impoñer o seu criterio, con todo, sempre está aí para os seus amigos. 

O parque é o lugar onde Xurxo, Catuxa, Xiana e Margarida quedan para xogar todos os días. Os catro amigos non perden ocasión de pasalo ben, compartir e vivir aventuras en contacto coa natureza. Cada un ten o seu xeito de entender a diversión, pero xuntos conseguen que cada día sexa o mellor día do mundo. Con eles aprenderemos o respecto pola natureza, a necesidade de reciclar e o valor da amizade por riba de todas as cousas.


No elenco, amais de Touriñán, ‘Bechos’ conta con Patricia CastrillónLaura CantoLaura MahíaSanti JulMarita Martínez e Antía Touriñán.

 

Produto da convocatoria de proxectos dixitais da TVG 

A serie ‘Bechos’, que nace do maxín da produtora Undodez, forma parte dos contidos seleccionados na convocatoria de proxectos dixitais en lingua galega da CRTVG en apoio do sector audiovisual. Esta convocatoria pioneira en España lanzada en 2022 e repetida en 2023, enmárcase na estratexia de dixitalización, innovación e posicionamento dos medios públicos.

Con estes proxectos, a Corporación quere promover a creatividade e procurar novas formas de produción de contidos multiplataforma e/ou transmedia en lingua galega, que permitan novas formas de interacción coa audiencia e dean cabida nos medios públicos a novas formas de expresión artística netamente dixitais, con propostas seleccionadas de ficción, humor, divulgación, educación, cultura ou infotainment.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 61 - 69 de 69 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade