div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Noticias corporativas

Publicador de contidos

Ao ‘Land Rober Tunai Show’ deste xoves veñen pintar a mona Ramón Arangüena e o streamer Guanyar

Santiago, 13.06.2024.- O ‘Land Rober Tunai Show’ (22:00 h) deste xoves recibe o xornalista e humorista Ramón Arangüena e ao  streamer  Guanyar, a poucas semanas da súa participación na xa famosa velada de Ibai. Roberto Vilar vai poñelos a proba e o público vai ter moito que ver nesta falcatruada.

    Esta semana volven ao espazo 'As tardes de Marilú'! O alcalde de Pazos faille o encargo dun cadro a un pintor xaponés, a ver como acaba o conto! E, coma sempre, o espazo da TVG contará co humor de Roberto Vilar, Eva Iglesias, Miguel Canalejo e Josiño Baño.

 

ler máis

‘Vaia Troula Alfombra G’ desde as festas de Santo Antón e 'AGalegaFest' co pop-rock galego, este mércores no prime time

O ‘Vaia troula alfombra G’ da TVG propón este mércores pola noite unha divertida sesión de photocall e alfombra vermella na festa de Santo Antón de Rodeiro así que o amor nas verbenas van  ser as grandes protagonistas do programa. E despois deste programa, unha nova entrega de ‘AGalegaFest’ coa música pop e rock galega actual, desde a sala Hermo de Muimenta, en Lugo.

 ‘Vaia troula alfombra G’ e desde Rodeiro (Pontevedra) a presentadora, Noelia Rey, coñecerá as historias de amor e paixón dos veciños e veciñas desta vila pontevedresa, ao ritmo da orquestra Los Satélites. Pola súa banda as reporteiras Adela Bértolo, Alejandra Tojo, Ángela Aboy e Jose Torres visitarán unha chea de festas de Santo Antón. En Lugo irán de verbena coa Panorama, no concello do Pino bailarán coas cancións da orquestra Cinema, e tamén en Rodeiro terán á París de Noia. Ademais estarán na ruta cabalar dedicada ao Santo Antón no concello lugués de Abadín, na festa da Carballeira da Baña, na gran comida popular de Alfoz, e na tradicional romaría da Xestosa, en Muras, que homenaxea ao santo do amor. Ao final do programa haberá unha emocionante cerimonia de entrega de premios. Cales serán os trouleiros máis fogosos?  E os que máis paixón amosan pola súa orquestra favorita?

AGALEGA FEST – POP-ROCK
    Despois de ‘Vaia troula’ TVG ofrece esta noite o terceiro dos eventos musicais ‘AGalega Fest’, cos que que a canle celebra a estrea da nova plataforma dixital de contidos ‘AGalega.gal’. A edición desta noite estará dedicada á música pop-rock coas actuacións de The Rapants e Mounoulius.Dop, así como de grupos emerxentes entre os que se pode citar Futuro Alcalde e o grupo Leria.

    Presentado polo compostelán Iago Pico, produtor de Tanxugueiras, desde a Sala Hermo de Muimenta (Lugo), este ‘AGalega Fest’ conta coa colaboración co dj Manu Turnes.

 

ler máis

'Pensando en ti' celebra este domingo os 28 anos do programa nunha gran festa no Carballiño

Santiago, 06.06.2024.-  Este domingo 9 de xuño, o parque municipal do Carballiño  converterase no estudio do ‘Pensando en ti’. O programa líder das noites da Radio Galega realizará unha emisión especial desde a localidade ourensá para celebrar os seus 28 anos en antena cunha gran festa cos seus oíntes.

Desde as 11:00 hMarcial Mouzo e Ricardo Saavedra poranlles cara ás historias dos milleiros de oíntes que cada noite os acompañan para se converter nos verdadeiros protagonistas das madrugadas da Radio Galega. Historias en primeira persoa que este domingo non terán fronteiras nun evento que contará con convidados sorpresa e oíntes chegados de toda Galicia e mesmo do resto de España.

María do Ceo, Sito Sedes, Tito Calviño, Sito Mariño e Isabel Blanco, entre outros, serán algúns dos artistas que estarán no Carballiño para sumarse á Xuntanza do ‘Pensando en ti’,  que chega xa á súa décimo sétima edición. O fin de festa correrá a cargo da orquestra Trébol.

Serán cinco horas de programa en directo en que non faltarán os rostros máis recoñecidos da CRTVG, como Kiko Novoa, Cristina García, Esther Estévez, Arturo Fernández, Lucía Veiga e Raquel Atanes, entre outros.

Esta edición especial do ‘Pensando en ti’ poderase seguir en directo polas plataformas AGalegaAudio e a AGalega.gal desde as 11:00 h.

Dunha xuntanza de catro amigos a unha festa de milleiros de oíntes
 
A festa do ‘Pensando en ti’ xurdiu como unha necesidade dos propios oíntes de coñecérense en persoa despois de compartir horas e horas de conversa na radio a través de chamadas telefónicas que acabaron estreitando lazos de amizade nas ondas ata conformar unha verdadeira familia en que se comparte a ledicia dos bos momentos, se acompaña e se anima nos malos, e se celebra a vida por enriba de todo. Desa necesidade xurdiu hai 18 anos unha xuntanza de catro deses amigos que quixeron compartir mesa e mantel como toda boa familia. Pero, ano a ano, esa quedada anual foi sumando máis membros ata se converter en todo un evento en que recintos como o de Silleda ou o de Cerceda quedaron pequenos para albergar a gran familia do ‘Pensando en ti’.

ler máis

A película ‘O soño da Sultá’, con selo da TVG, premiada en Gales, no Celtic Media Festival, como mellor cinta de animación

Santiago, 04.06.2024.-    A película ‘O soño da sultá’ apoiada pola Televisión de Galicia acadou esta tarde en Cardiff (Gales) o Premio Celtic Media Festival 2024 na categoría de animación no transcurso da 45ª edición deste certame, no que ata 12 producións galegas compiten con propostas de canles como a BBC, medios franceses e a RTE irlandesa. O premio foi recollido por Montse Besada, xefa de Contidos da TVG.

    ‘O soño da sultá’, unha fábula dirixida por Isabel Herguera e producida por Abano Producións, está inspirada nun conto feminista indio, escrito en 1905 por Rokeya Hossain. Esta coprodución internacional, con factura galega, foi primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional, incluíndo o premio á mellor longametraxe de animación que acaba de conseguir no Anima Film Festival de Bruxelas. En San Sebastián, ‘O soño da sultá’ gañou o premio Irizar e o premio da Asociación Vasca de Guionistas, e estivera tamén nominada nos Premios Goya deste 2024.

O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 45 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos na contorna internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns. Durante os vindeiros días, coñeceranse os gañadores nas restantes categorías dos Premios Celtic Media Festival 2024, aos que a TVG chegou cun total de 14 candidaturas.
 

ler máis

'É pecado', a miniserie de éxito sobre os anos oitenta en Londres, entre as estreas da semana en AGalega.gal

Santiago, 02.06.2024.-    Á estrea este domingo da ópera ‘Don Pasquale’, considerada a gran obra composta por Gaetano Donizetti e última gran ópera bufa italiana, a plataforma dixital AGalega.gal suma esta semana máis contidos en exclusiva, aos que se engade unha nova temporada de ‘Pratos Combinados’, unha das series máis aclamadas polo público, que quedará dispoñible o mércores día 5.

O martes día 4 amplíase o catálogo de cine feito en Galicia coa película ‘María Soliña’, dirixida por Ignacio Vilar, e o domingo día 9 ás 11:00 horas ofrecerase en directo a 17ª Xuntanza do espazo da emisora ‘Pensando en ti’, dispoñible en AGalegaaudio.gal e AGalega.gal.

O xoves, 6 de xuño chegará á plataforma unha nova entrega da serie documental ‘Historias de Aquí’, que está a repasar en distintas entregas capítulos recentes e sucesos da historia de Galicia, como o accidente aéreo de Montrove ou o suceso do Mar Egeo na Coruña. Na entrega desta semana, ‘O Edén’, repasarase o caso da orde dos Miguelianos de Oia (Pontevedra) e a causa xudicial que seguíu á detención do seu líder.

Xa o venres incorporarase ao catálogo de ficción de AGalega.gal a coñecida serie ‘É pecado’, miniserie inglesa de éxito que reflexiona sobre o impacto do sida nos anos 80 entre a poboación homosexual. En cinco capítulos, esta produción dramática narra a vida dun grupo de amigos nas rúas londinienses desa década. Cada semana irase estreando un novo capítulo.

Novos contidos en Xabarín.gal

Os pequenos da casa poderán gozar para o venres da estrea en galego de ‘A miña vida en Versalles’, película gañadora do Premio do Xurado no Festival de Annecy en 2019. Violeta, unha nena orfa de 8 anos vai vivir co seu tío, que traballa no palacio de Versalles. Alí, xunto cun gran oso de peluche, aprenderá a adaptarse á súa nova vida no que é un conto de fadas realista e encantador para ver en familia.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión liñal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarin son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

ler máis

A CRTVG destinará máis de 10 millóns de euros para desenvolver contidos de AGalega.gal en 2025

Santiago, 31.05.2024.-    O impacto da nova plataforma dixital de contidos da CRTVG, estreada en xaneiro, chegou ata agora a 193 países, segundo explicou o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, este venres na Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia, onde anunciou que os orzamentos de 2025 dos medios públicos galegos contarán cunha partida de máis de 10 millóns de euros destinados en exclusiva ao desenvolvemento de contidos da plataforma.

Sánchez Izquierdo indicou que desde o seu nacemento “AGalega.gal entrou e mantense entre as 20 primeiras plataformas de España. E non é menor o dato de que a maioría destas 20 plataformas teñen contidos en castelán, polo que o seu abano de público e moito máis amplo que o de AGalega.gal pero, con todo, estamos desde o inicio nese grupo de cabeceira das plataformas máis consumidas de España”. Tras España, os países desde os que máis se ven os contidos son: os Estados Unidos, o Reino Unido, Suíza, Alemaña, Portugal, Francia e A Arxentina. Completan a lista de 193 países algúns tan dispares como Fiji, Yemen ou Surinam, a onde tamén chegou AGalega.gal.

Xunto con AGalega.gal os medios públicos lanzaron en xaneiro de 2024 as súas xemelgas, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal. En total, agora mesmo hai subidos máis de 13.000 contidos de forma gratuíta e en galego, na que é a maior oferta audiovisual na nosa lingua. En AGalegaAudio.gal atópase toda a programación da Radio Galega e un amplo abano de podcasts e extras, mentres que Xabarin.gal reúne múltiples canles con toda oferta para a xuventude e para os máis cativos.

AGalega en cifras

Amais de chegar a 193 países, desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión liñal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Dispositivos móbiles e televisores intelixentes

Actualmente, a AGalega.gal pode accederse vía web e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes. Tanto AGalega.gal como a AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal son gratuítas.

Novidades e estreas exclusivas

A plataforma suma estes días, e coma cada semana, novidades á súa proposta. O domingo incorpórase a ópera ‘Don Pasquale’. Considerada a gran obra composta por Gaetano Donizetti e última gran ópera bufa italiana, a obra foi representada en Vigo o pasado outono, con Fernando Latorre e a soprano madrileña Natalia Labourdette nos papeis principais. E o xoves, 6 de xuño, chegará unha nova entrega da serie documental ‘Historias de aquí’, que repasa capítulos recentes e sucesos da historia de Galicia. Esta semana en ‘O Edén’ repasarase o caso da orde dos Miguelianos de Oia (Pontevedra) e a causa xudicial que seguiu á detención do seu líder. Xa o venres incoporarase ao catálogo de ficción a coñecida serie ‘É pecado’, miniserie inglesa de éxito que reflexiona sobre o impacto do sida nos anos 80 entre a poboación homosexual. En cinco capítulos, esta produción dramática narra a vida dun grupo de amigos nas rúas londinienses desa década. Cada semana irase estreando un novo capítulo. A estas novidades engádese unha nova temporada de ‘Pratos Combinados’, unha das series máis aclamadas polo público que quedará dispoñible o mércores.

Os pequenos da casa poderán gozar para o venres da estrea en galego de ‘A miña vida en Versalles’, película gañadora do Premio do Xurado no Festival de Annecy en 2019. Violeta, unha nena orfa de 8 anos, vai vivir co seu tío que traballa no palacio de Versalles. Alí, xunto cun gran oso de peluche aprenderá a adaptarse á súa nova vida, no que é un conto de fadas realista e encantador para gozar en familia.

ler máis

A película de animación 'Os demos de barro', participada pola TVG, álzase con dous Premios Sophia, os galardóns do cinema portugués

Santiago, 27.05.2024.-    ‘Os demos de barro’, película de animación participada pola Televisión de Galicia, alzouse con dous Premios Sophia, os galardóns da Academia Portuguesa do Cine, na gala celebrada onte no Gran Casino de Estoril. O filme, primeira longametraxe de animación coa técnica stop-motion producida en Portugal, resultou gañador nas dúas categorías ás que optaba: mellor canción e mellor banda sonora.

A película de animación producida por Xosé Zapata e Carlos Juárez faise por primeira vez para unha película española con dous dos principais galardóns do cinema luso. Ademais, é a primeira vez que unha película galega gaña un premio da Academia Portuguesa do Cinema.

O premio de mellor canción orixinal foi para a composición ‘Caretos’, do grupo portugués Os Gaiteiros de Lisboa, con letra de Possidónio Cachapa e música de Carlos Guerreiro, e a mellor banda sonora foi para a composición realizada polo músico portugués Carlos Guerreiro e o galego Manuel Riveiro, que se converteu así no primeiro músico español que acada o premio da Academia Portuguesa do Cine. Integrante do lendario grupo folk Milladoiro, Riveiro é un compositor especializado en música de cine, foi candidato aos Premios Goya no ano 2019 pola súa banda sonora para ‘A sombra da lei’, e é autor da música da curtametraxe de animación ‘The Monkey’, gañadora do Goya en 2022.

‘Os demos de barro’, dirixida por Nuno Beato, é unha coprodución de Caretos Film e Basque Films (España), Sardinha em Lata (Portugal) e Midralgar (Francia) que foi estreada nestes tres países. Participou na Sección Oficial do Festival de Annecy, dedicado ao cinema de animación, e o ano pasado foi candidata a mellor longametraxe de animación nos Premios Goya.

ler máis

A CRTVG emite este luns o debate electoral no marco da campaña dos comicios europeos do 9 de xuño

Santiago, 24.05.2024.-    Logo de emitir este pasado xoves o debate dos candidatos a presidir a Comisión Europea desde Bruxelas, a CRTVG ofrece este luns 27 de maio, ás 10:00 horas, desde os estudios de San Marcos o debate entre os candidatos de PSOE, PP, Agora Repúblicas (ERC, Bildu, BNG, AM), Sumar e Ciudadanos ao Parlamento Europeo.

Producido desde o Estudio Multimedia da Radio Galega, o debate será emitido pola primeira canle de TVG, na Radio Galega, o portal G24.gal e a plataforma dixital AGalega.gal ás 10:00 horas e estará moderado por Alberto Varela, xefe de Planificación Informativa da Radio Galega.

Participan nel Nicolás González, candidato do PSOE, Francisco Millán Mon, candidato do PP, Ana Miranda, candidata por Agora Repúblicas (ERC, Bildu, BNG, AM), Juan Díaz Villoslada, candidato de Sumar e Javier Nart, por Ciudadanos.

Nesta campaña electoral europea, os medios públicos galegos emitirán a diario edicións informativas en todos os seus medios sobre a actualidade das candidaturas que concorren ás eleccións do vindeiro 9 de xuño. En cumprimento do plan de cobertura depositado na Xunta Electoral, terán especial atención mediática nesta campaña as formacións que obtiveron mellores resultados nos últimos comicios comunitarios: PSOE, PP, BNG (integrado na coalición Agora Repúblicas), Sumar e Ciudadanos.

O debate dividirase en catro bloques e rematará con intervencións dun minuto por parte dos candidatos. Estes bloques temáticos son transición industrial, enerxética e ecolóxica, así como impulso da soberanía económica e comercial da Unión Europea; o sector primario de Galicia desde unha perspectiva europea: pesca, gandería e agricultura; o futuro do financiamento europeo en Galicia, balance da execución dos Fondos Next Generation e o reto que pode supoñer a ampliación da UE a novos países, e, por último, os grandes retos do continente: a defensa común, o avance tecnolóxico e a intelixencia artificial.

Entrevistas do 3 ao 7 de xuño ás 10:00 h

Na primeira semana de xuño, a CRTVG realizará entrevistas cos candidatos das cinco formacións, que se emitirán ás 10:00 h. de forma simultánea por TVG, na Radio Galega, o portal G24.gal e a plataforma dixital AGalega.gal. A primeira será o luns 3, con Ciudadanos, o martes 4 con Sumar, o mércores 5 será a entrevista co BNG (Agora Repúblicas), o xoves 6 emitirase a entrevista co PP, e o venres 7 co voceiro do PSOE

Xornada electoral, a TVG desde Bruxelas o 9 de xuño

A canle pública prepara unha ampla cobertura da xornada electoral con dous puntos de directo en Bruxelas cos xornalistas Marcos Sueiro e Alexandre Mato. Tamén, un Especial Informativo, entre as 19:55 e as 00:00 h, que ofrecerá toda a actualidade arredor do peche dos colexios e da enquisa de Sigma Dos.

Seguirase todo o escrutinio, que non se coñecerá ata as 23:00 h (co peche dos últimos colexios electorais en Italia) e achegaranse as claves do resultado interpretadas por un equipo de analistas, nun espazo presentado polos xornalistas Marta Darriba e Carlos Amado. Tamén a Radio Galega ofrecerá un Especial Informativo entre as 19:55 e as 00:00 h, con mesa de análise e a moderación dos xornalistas Luís Ojea e Celia Rúa.

O portal G24.gal ofrecerá o minuto a minuto da xornada desde a apertura de colexios, cos avances de participación e as votacións dos candidatos ata o peche de colexios e as reaccións dos partidos políticos.

ler máis

O documental 'A Cero.5' participado pola TVG gaña o Prix Europeo CIRCOM na categoría 'Minorías sociais'

Santiago, 23.05.2024.-    O documental ‘A Cero.5’, participado pola Televisión de Galicia, foi premiado co Premio CIRCOM 2024 na categoría Minorías sociais na gala celebrada este xoves en Poznan (Polonia), no marco da 40ª conferencia anual de CIRCOM, a rede de 250 medios públicos e centros de produción rexionais presentes en 29 países de Europa. O galardón ao documental ‘A Cero.5’ foi recollido polo seu autor e protagonista, o vigués ‘Gonzalo Suárez, de mans do director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, quen tamén ostenta a Secretaría Xeral da entidade europea.

‘A Cero.5’ é o documental autobiográfico de Gonzalo Suárez, quen narra as súas vivencias despois de quedar parapléxico a raíz dun accidente. A peza, producida en 2021, amosa como a práctica do baloncesto no club vigués AMFIV, a competitividade e o compañeirismo lle axudaron a superalo. ‘A Cero.5’ está dispoñible na plataforma dixital AGalega dos medios públicos.

O xurado dos premios estivo formado por 14 profesionais das áreas de produción e emisión das canles europeas, que tiveron que elixir entre producións de canles de 23 países. Ademais da TVG, tamén foi premiada a produción da EITB ‘El conquistador del fin del mundo’, na categoría de entretemento e ficción, e acadaron mencións especiais outras dúas producións da canle vasca e da televisión autonómica de Cataluña.

Este premio para o documental ‘A Cero.5’ súmase aos galardóns acadados pola TVG en edicións anteriores deste certame. En 2023, a serie da TVG e a RTP ‘Motel Valkirias’, gañara o premio CIRCOM no apartado de entretemento e ficción.
    
En 2022 resultaran premiadas a presentadora Noelia Rey, co galardón ao Novo Talento en Pantalla, e a produción ‘3 camiños’, cunha mención especial na categoría Entretemento e ficción. O premio Novo Talento en Pantalla recaera xa en 2019 na xornalista da TVG Alba Mancebo.

E en 2020 CIRCOM premiara o documental ‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría Minorías en sociedade. En anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de televisión. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM.

* Imaxe, cedida por CIRCOM

ler máis

AGalega.gal estrea hoxe en exclusiva 'Somos criminais', con Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán

Santiago, 22.05.2024.-    A plataforma dixital AGalega.gal segue a incorporar contidos cada semana e aumentando a súa proposta de ficción e entretemento en galego. Este mércores AGalega.gal estrea en exclusiva ‘Somos criminais’, un dos espectáculos de teatro de máis éxito da escena galega, en que os actores Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán analizan Galicia e os seus habitantes para saber como somos e porque somos como somos. A produción, unha montaxe de Ainé Producións, poderá verse tamén na TVG o sábado no espazo ‘Fila 1. Butaca G’ (22:00 h).

Os fans da serie de culto ‘Mareas Vivas’ dispoñen desde hoxe de todos os seus capítulos, xa que á primeira temporada, dispoñible desde xaneiro en AGalega.gal, súmanse as nove temporadas restantes. E o xoves, 23 de maio, chegará á plataforma o concerto ‘AGalegafest’, gravado na Sala Inn da Coruña, que conta coas actuacións de, entre outros, os artistas Mondra, Grande Amore, Ortiga e Boyanka Kostova.

E o venres incoporarase ao catálogo de cinema a película ‘A familia que ti elixes’, filme de 2019 que ten como protagonistas a Shia LaBeouf, Dakota Johnson e Zack Gottsagen e que narra a historia dun mozo con síndrome de Down que foxe da súa residencia para perseguir o seu soño de converterse en loitador profesional.

Novos contidos en Xabarín.gal

As novidades tamén chegan estes días a Xabarin.gal, a app para os máis pequenos da casa. O xoves estréase a serie ‘Lucas etc’, unha produción belga centrada nun rapaz de 12 anos que chega a unha nova familia adoptiva e ten que aprender rapidamente a adaptarse á nova situación.

E o venres estrearase en Xabarin.gal a mediametraxe de animación francesa ‘Mamá é pura chuvia’, cinta que foi candidata a mellor especial de animación nos Premios Annie de 2021, e que desenvolve dúas fermosas historias cheas de maxia e tenrura que abordan a xestión das emocións dos máis miúdos da casa.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 10.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua.

Tanto AGalega como as apps AGalegaAudio e Xabarin son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast  e nas principais televisións intelixentes.

ler máis

A CRTVG busca a canción que lle porá a banda sonora ao verán de 2024

Santiago, 21.05.2024.-    A CRTVG anda á a procura da canción do verán, do tema que será a súa banda sonora durante os vindeiros meses. Un ano máis, os medios públicos abriron a convocatoria dun certame que ten como obxectivo apoiar a música en galego e descubrir novos talentos, e que premiará con 1.500 euros un tema inédito e orixinal escrito e cantado en lingua galega.

Os intérpretes e grupos interesados en participar na oitava edición do concurso teñen ata o 9 de xuño para enviar as súas propostas, que non deberán exceder dos tres minutos de duración e que poderán ir acompañadas dun vídeo musical. As cancións deberán enviarse en formato mp3 a canciondoveran2024@crtvg.gal, nun correo onde consten os datos das persoas participantes (nome, apelidos, DNI, teléfono e enderezo completo, tanto do intérprete como do compositor e/ou letrista), e remitilas en formato mp4, no caso de presentar un vídeo.

Unha vez rematado o prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección do tema gañador do concurso, que será escollido por un xurado composto por cinco persoas designadas pola dirección da CRTVG, que valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. No veredicto, que se coñecerá o 13 de xuño, incluirase tamén unha lista puntuada ata o quinto posto.

Todos os participantes no concurso cédenlle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública por televisión en todos os sistemas, así como a través de Internet, da canción e do seu vídeo, de ser o caso. As bases do certame poden consultarse na web da Corporación.

A canción gañadora desta edición do concurso sucederá a ‘Son feliz’, un tema do profesor de música de Foz Pedro Abelardo Rodríguez, que o ano pasado convenceu o xurado por ter todos os ingredientes para ser a canción do verán e pola historia de superación que conta.

ler máis

Escolares de Laxe, A Pobra de Trives, Ames, San Vicente do Grove, Santa Comba e A Illa de Arousa, gañadores dos Premios DígochoEu

Santiago, 16.05.2024.-     O equipo do DígochoEu rematou o curso entregando os seus III Premios escolares a seis vídeos sobre lingua que foron elixidos entre preto dun centenar de traballos presentados por escolares de toda Galicia, na terceira convocatoria deste certame. Na categoría de primaria, o premio DígochoEu de Ouro foi para o CPI Plurilingüe Cabo da Area, de Laxe, polo vídeo ‘E ti, queres ser laxense por un día?’; o de Prata levouno o CEIP A Maía de Ames, cun vídeo titulado ‘Palabras polisémicas nas Olimpíadas’, e o DígochoEu de Bronce recaeu no CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza de Santa Comba, coa súa historia ‘Lingoreteiros do mundo’.

    Na categoría de secundaria, o IES Xermán Ancochea Quevedo, da Pobra de Trives gañou o premio de Ouro polo seu vídeo ‘O Entroido de Manzaneda, o folión de Mourela pra cá’. O premio de Prata foi para o IES As Bizocas de San Vicente do Grove, que presentou un traballo titulado ‘Díghocho meu!’, e o IES Illa de Arousa levou o de Bronce, co vídeo chamado ‘A dorna das cen palabras’.

    Os premios foron entregados polos membros do xurado, a xornalista Paula Señarís, o produtor musical Iago Pico e Mª Manuela Leis, en representación da Secretaría Xeral da Lingua, nun acto ao que asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias.

    Arredor de 500 escolares, os seus mestres e familiares encheron o anfiteatro nun evento que foi retransmitido pola plataforma dixital AGalega.gal e será emitido tamén por TVG mañá, Día das Letras Galegas, ás 11:30 h.  A gala conta co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua e a colaboración de GADIS. Os vídeos quedarán accesibles desde mañá na plataforma de contidos infantís e xuvenís Xabarin.gal e tamén en AGalega.gal onde tamén se poderá volver ver a gala.

    Os centros gañadores, que gravaron os vídeos co apoio do programa e a participación de Esther Estévez, obtiveron como premio de Ouro 500 euros; os de Prata, 300, e os premios de Bronce, 200 euros. Esta terceira edición do concurso de vídeos DígochoEu recibiu máis dun cento de propostas de centros de toda Galicia, entre as que o xurado tivo que decidir, valorando a calidade lingüística e expresividade dos participantes, a súa orixinalidade e a innovación do contido.  

 

 

ler máis

O soño da sultá, participada por TVG, acada o Premio Quirino de animación iberoamericana ao Mellor Desenvolvemento Visual

Santiago, 13.05.2024.-   A longametraxe ‘O soño da sultá’, da directora Isabel Herguera e participada pola TVG, segue a conseguir premios. Esta fin de semana alzouse en Tenerife co Premio Quirino de animación iberoamericana no apartado Mellor Desenvolvemento Visual.

A película, una produción de Abano Producións, El Gatoverde Producciones, UniKo Estudio Creativo, Sultana Films, Fabian&Fred (España, Alemania), co apoio da canle galega, sumou este novo premio na VII edición destes galardóns iberoamericanos, que recoñecen o labor da industria da animación en homenaxe ao director Quirino Cristiani, quen fora o creador da primeira longametraxe de animación da historia, en 1917, a película arxentina ‘O Apóstolo’, para a que se fixeran a man 58.000 debuxos.

‘O soño da sultá’ foi o primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional. En marzo alzárase co premio á mellor longametraxe de animación no Anima, o Festival Internacional de Animación de Bruxelas.

A cinta contou desde o seu lanzamento co recoñecemento da crítica. Ademais de ser a primeira longametraxe de animación europea en participar na sección oficial en San Sebastián, logrou o Premio Irizar ao cine vasco e mais o Premio da Asociación Vasca de Guionistas Euskal Gidoigileen Elkartea. A nivel internacional acadou xa o Premio Mellor Coprodución internacional no Festival de Hamburgo e tamén obtivo candidaturas aos premios máis destacados a nivel nacional: os Goya, os Forqué e os Feroz.

A gala dos Premios Quirino tivo lugar este domingo no Teatro Leal de San Cristóbal da Laguna (Tenerife), con 25 obras finalistas escollidas entre 247 filmes.

ler máis

As AcciónsG da CRTVG poñen o foco na Semana Mundial da Inmunización da ONU

Santiago, 30.04.2024.-    No marco da Semana Mundial da Inmunización de Nacións Unidas, a CRTVG está a desenvolver unha nova #AcciónG de Responsabilidade Social Corporativa, cunha campaña de concienciación arredor da importancia da vacinación para protexer a sociedade, nenos e maiores, de enfermidades que se poden previr.

A Televisión de Galicia está a emitir estes días unha peza divulgativa na súa programación. A campaña céntrase no slogan #AíndaQueNonOVexas, que incide na protección silenciosa e invisible que supoñen as vacinas para a nosa saúde, e que tamén se pode ver no portal web

Esta #AcciónG dos medios públicos apoia o labor divulgador da ONU das medidas colectivas necesarias para protexer a persoas das enfermidades que preveñen as vacinas en todo o mundo. Ademais, a Organización Mundial da Saúde está a colaborar cos seus asociados para axudar os países a retomar o camiño que lles permita protexer máis persoas contra enfermidades neste ano en que se celebran os 50 anos do Programa Esencial en Inmunización (EPI, en inglés).

Programas informativos da TVG e a Radio Galega colaboran coa campaña emitindo contidos relacionados. Entre outros contidos, nos seus Telexornais, no espazo radiofónico ‘Convivir’ ou no magazine matinal ‘A Revista’ que xa recibiu a coordinadora de UNICEF Galicia, Irene Marín, para explicar o labor de UNICEF neste eido. 

A CRTVG é socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas e encadra as súas accións de Responsabilidade Social Corporativa no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas.

Esta nova acción persegue tamén apoiar e difundir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible número 3, Saúde e benestar, e número 10, de Redución das Desigualdades. As #AcciónsG son as campañas de RSC da CRTVG para actuar, para provocar o cambio e lograr unha sociedade mellor e máis responsable.

ler máis

O Estudo Xeral de Medios referenda a TVG como líder absoluta de audiencia

Santiago, 25.04.2024.-   O primeiro Estudo Xeral de Medios deste 2024 marca de novo  o extraordinario liderado nas audiencias da Televisión de Galicia. Os datos do Estudo Xeral de Medios (EXM), publicado este xoves, sinalan a canle galega como a máis vista de Galicia, cun 21% de cota de luns a venres e 20,6% no conxunto da semana.

TVG é líder con 6,4 puntos máis, de luns a venres, que o seguinte competidor, Antena 3, e a 8,3 da outra canle pública que emite en Galicia (TVE, 12,7%).

A franxa do mediodía consolida o liderado informativo 

No tempo da información do mediodía (entre as 13:00 e as 17:00 h), e especialmente co bloque conformado polo ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, a TVG acada o 34,9% de cota de pantalla, mentres o seguinte competidor, Antena 3, sitúase nunha cota do 16,7%. A seguinte canle pública, TVE, conta cunha media neste tempo de emisión do 12,5%.  

E na franxa de noite (entre 20:00 e as 04:00 h), a TVG acada tamén o liderado en Galicia, cunha cota do 19,2%, a 6,6 puntos de distancia do competidor máis próximo (Antena 3, cunha cota do 12,6%). Por días da semana, o Estudo Xeral de Medios salienta as cotas de pantalla acadadas pola TVG os martes cun 23,4%, luns cun 22,6% e dos xoves e domingos cun 22,4%.

Líder tamén das canles autonómicas os sete días da semana

Entre as televisións autonómicas reunidas na FORTA, a Televisión de Galicia é tamén a máis vista tanto de luns a venres como de luns a domingo, e supera en máis de tres puntos as seguintes canles máis vistas da federación de organismos autonómicos. 

A Radio Galega segue a ser a emisora pública máis escoitada de Galicia

A última onda do EXM reflicte de novo a clara posición da Radio Galega como emisora pública máis escoitada de Galicia, duplicando amplamente os rexistros da outra emisora pública do país, RNE. No acumulado anual (abril 2023-marzo 2024), a Radio Galega logra unha media de 158.000 oíntes diarios de luns a venres e 140.000 oíntes diarios de luns a domingo. Estas cifras supoñen un incremento de 1.000 novos oíntes no conxunto da semana e de 8.000 novos oíntes no período de luns a venres con respecto ao ano móbil anterior. En termos porcentuais, supón un incremento de audiencia dun ano a outro dun 5,33% de luns a venres.

Nese mesmo período acumulado anual, entre abril de 2023 e marzo de 2024, o total do conxunto de emisoras da Corporación logra unha media de 180.000 oíntes diarios de luns a venres e de 164.000 oíntes diarios de luns a domingo; significando un incremento do 7,14% e do 3,8%, respectivamente, con 12.000 e 6.000 oíntes máis en cada caso con respecto do ano móbil anterior.

Así, destaca o crecemento de Radio Galega Música, que chega ata os 24.000 oíntes diarios no conxunto da semana, cun incremento do 29,41% de luns a venres e do 26,32% de luns a domingo, cunha media de 5.000 novos oíntes diarios máis desde hai un ano.

ler máis

AGalega estrea este martes 'Curando o mundo', a serie documental sobre o traballo do cirurxián galego Diego González Rivas

Santiago, 22.04.2024.-    A plataforma dixital AGalega estrea este martes os dous primeiros capítulos da serie documental ‘Curando o mundo’, un programa en que o cirurxián coruñés Diego González Rivas, que está a revolucionar a cirurxía torácica, percorre o mundo ensinando a súa técnica minimamente invasiva para operacións de pulmón.

González Rivas é o creador da técnica UniportalVATSeRats, coa que operou xa máis de 7.000 pacientes en 129 países. En cada lugar que visita, os espectadores poderán adentrarse en como xestiona o choque cultural, o tratamento da morte e da esperanza ou as condicións de vida. 

Os seis capítulos de ‘Curando o mundo’ están ambientados en Sierra Leoa, Liberia, A China, Romanía, Kuwait, Bosnia, Portugal e España. AGalega terá dispoñible a serie desde o 23 de abril, cando se estrearán os dous primeiros episodios, e cada martes sumarase un novo.

A primeira entrega desenvólvese en Kuwait. O doutor González Rivas chega a este país do Golfo Pérsico o mesmo día que morre o emir de Kuwait, Nauaf ao Ahmed ao Sabá. O país está de loito oficial durante 3 días. Poderá operar con normalidade os pacientes que están agardando por el? No segundo, o cirurxián emprende unha misión médica en dous dos países máis pobres do mundo, Serra Leoa e Liberia, onde pasará un auténtico calvario para poder sacar adiante as cirurxías.

ler máis

O Festival de Televisión e Cine de Nova York concede o seu Premio de Prata á serie da TVG 'Motel Valkirias'

Santiago, 18.04.2024.-    A serie da TVG ‘Motel Valkirias’ recibiu en Nova York o Premio Prata dos New York Festivals TV & Film Awards, na categoría de programa de entretemento/drama. Este premio norteamericano de cine e televisión recoñece a creatividade de producións audiovisuais de todo o mundo e vén sumarse á traxectoria de éxito da produción galego-portuguesa, que actualmente está dispoñible na nova plataforma dixital da CRTVG, AGalega.

‘Motel Valkirias’, que en 2023 xa se alzara con outro premio internacional, o Premio CIRCOM da asociación das televisións rexionais europeas, no apartado de entretemento e ficción, está preseleccionada este ano no Premios iberoamericanos Platino, onde compite na categoría de mellor miniserie ou teleserie e na de mellor interpretación feminina pola actuación da actriz portuguesa Marina Mota. Estes galardóns coñeceranse o sábado, 20 de maio. Ademais, a ficción foi preseleccionada na categoría de mellor fotografía nos Premios Sophia 2024 ou Premios Anuais da Academia Portuguesa de Cinema, os galardóns máis importantes do audiovisual portugués, que se entregarán o 26 de maio.

‘Motel Valkirias’ é unha ficción galego-portuguesa, producida por CTV e SPi, que contou coa participación da TVG e a RTP, a televisión pública portuguesa, e que se estreou en marzo de 2023 en HBO España e na Televisión de Galicia. A serie, de 8 capítulos, está ambientada nun espazo singular, un motel fronteirizo, un lugar estancado no tempo, esquecido das comunicacións e do progreso. Neste marco sitúase a trama da serie, en que, a modo de dramedy, se abordan temas como a presión social sobre as mulleres ou a precariedade económica á que están expostas.

A dirección de ‘Motel Valkirias’ corre a cargo de Álex Sampayo e Jorge Queiroga, e conta cun equipo de guionistas de ampla traxectoria encabezado por Ghaleb Jaber Martínez e Raquel Arias. A serie está protagonizada por María Mera, o gañador dun Goya Chechu Salgado e as actrices portuguesas Marina Mota e Maria João Bastos.

ler máis

Grande estrea en Lisboa da longametraxe 'Revolução sem sangue', apoiada pola TVG

Santiago, 11.04.2024.-    A CRTVG segue a estreitar liñas de traballo co audiovisual portugués. Este mércores tivo lugar en Lisboa a preeestrea de ‘Revolução sem sangue’, a primeira longametraxe do director Rui Pedro Sousa e coprodución luso-galega que chega esta semana aos cines de Portugal e será emitida, proximamente, pola Televisión de Galicia. ‘Revolução sem sangue’ está inspirada en feitos reais acontecidos durante a revolución portuguesa do 25 de abril de 1974 e documenta desde a ficción un momento crucial na historia política e social non só de Portugal, senón tamén na nosa propia.

En representación da Corporación, á gala asistiron Fernando Ojea, director de Contidos da CRTVG, e Montse Besada, xefa de Contidos da canle, nunha cita que reuniu unha gran representación do sector audiovisual de Portugal, co que os medios públicos galegos manteñen unha colaboración asentada e crecente, tanto no eido institucional como no da produción de contidos.

Trátase dun proxecto da galega Producións A Fonsagrada en coprodución con Station Ware, que se enmarca na liña de colaboración coa RTP. Conta ademais co apoio do ICA portugués e a distribución de Filmax e mais a portuguesa Cinemundo.

O filme posúe unha forte carga emocional e humana, e pretende homenaxear os mortos da revolución a través dunha viaxe de descuberta en que os espectadores se farán conscientes da importancia deste momento clave na historia do país veciño.

Televisión de Galicia anunciou en xaneiro deste 2024 o seu apoio a este proxecto cinematográfico nunha resolución da súa Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica, dando cumprimento á resolución da Dirección Xeral da Corporación relativa á presentación de proxectos audiovisuais de interese, no marco do coñecido como apoio do 6 %. 

Apoio ao cine e á coprodución de contidos con Portugal

A CRTVG mantén un apoio sostido a proxectos cinematográficos en galego e propicia a súa competitividade non só a escala nacional, senón tamén no mercado internacional. Este investimento en cultura, e particularmente no cine e a promoción da lingua e a ficción galega, é un labor continuo que se plasma en convocatorias anuais de proxectos, na participación directa nas producións ou ben na adquisición de dereitos. Favorécese así o sostemento dun sector audiovisual en Galicia en que a Corporación desenvolve un papel clave desde os seus inicios.

A colaboración coa RTP e o apoio a coproducións dos dous países veciños é unha constante e como resultado deste labor pódense citar títulos de producións como ‘Auga Seca’, ‘O corpo aberto’, ‘Motel Valkirias’, ‘Vidago Palace’ ou o documental ‘Galegos d’Ouro’, entre outras destes últimos anos, ademais de programas de entretemento como as distintas edicións de ‘Aquí Portugal’.

ler máis

Estrea de '+Cuñados', este mércores en Ourense

Santiago, 09.04.2024.-    O Teatro Principal de Ourense acolle este mércores 10 de abril a preestrea da película ‘+Cuñados’, que chegará aos cines o vindeiro día 19. Esta produción de Portocabo, que conta coa participación de Televisión de Galicia, ademais de RTVE e Movistar+, a Deputación de Ourense, a Denominación de Orixe Ribeiro e a Xunta de Galicia, dálle continuidade á exitosa comedia ‘Cuñados’, a maior estrea na historia do cinema en galego ata o momento.

O acto contará coa presenza do elenco e do equipo da película, e de autoridades das institucións implicadas na súa produción, como o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez, e a vicepresidenta da D. O. Ribeiro, Concepción Iglesias. Por parte da CRTVG asistirán o director de Proxección Social, Xaime Arias; a subdirectora de Contidos, Rosa Sierra, e a xefa de Programas, Vanessa Grela

O filme, rodado en galego, conta de novo con algunhas das caras máis recoñecidas do panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles sumaranse, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá. Nesta secuela de ‘Cuñados’, dirixida por Luís Avilés, a acción sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película. 

Esta nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. A provincia de Ourense volve ser o escenario principal e a zona do Ribeiro tamén ten unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na película. En ‘+Cuñados’, os espectadores poderán percorrer xunto aos protagonistas as rúas da cidade preparadas para acoller a festa máis agardada do ano: o Entroido. 

Apoio ao cine galego

A CRTVG mantén un apoio sostido a proxectos cinematográficos en galego e propicia a súa competitividade non só a escala nacional, senón tamén no mercado internacional. Este investimento en cultura, e particularmente no cine e na promoción da lingua e a ficción galega, é un labor continuo que se plasma en convocatorias anuais de proxectos audiovisuais no marco do coñecido como apoio do 6 %, na participación directa nas producións ou ben na adquisición de dereitos. Favorécese así o sostemento dun sector audiovisual en Galicia no que a Corporación desenvolve un papel clave desde os seus inicios.

ler máis

Dezasete premios Mestre Mateo para profesionais e producións apoiados pola Televisión de Galicia

Santiago, 24.03.2024.-  A gala dos Premios Mestre Mateo do Cluster do Audiovisual celebrada este sábado na Coruña e que foi retransmitida pola canle pública entregou ata 17 galardóns a actrices, actores, presentadores e producións de entretemento e ficción apoiadas pola Televisión de Galicia.

A presentadora do espazo da TVG ‘Malicia noticias’, Lucía Veiga, alzouse co premio á mellor comunicadora, categoría na que tamén eran finalistas Juan Fuentes do ‘Quen anda aí’ e Paco Lodeiro por ‘Atrápame se podes’. E o espazo do prime time da TVG ‘Cos pés na terra’ gañou o Mestre Mateo a mellor programa de televisión. Xosé Ramón Gayoso foi o elixido para entregar o Premio de Honra Fernando Rey do Cluster, por toda a súa traxectoria, á xornalista Eva Veiga, quen fora unha das primeiras presentadoras daTVG, en 1985.

Apoio ao cine galego

A película ‘O corno’ foi a gran gañadora da noite con sete premios, entre eles os de mellor película, guión e dirección para a cineasta Jaione Camborda. A cinta estaba nominada en 14 categorías e xa gañara a Concha de Oro en San Sebastián mentres que a súa protagonista, Janet Novás, foi a mellor actriz revelación nos premios Goya deste 2024.

‘Matria’ foi outra das longametraxes vencedoras con cinco premios: mellor actriz protagonista para María Vázquez e mellores interpretacións de reparto para Susana Sampedro e Santi Prego. Tamén acadou os Mestre Mateo á dirección de fotografía e á dirección de produción.

O actor Tamar Novas alzouse por segundo ano consecutivo como mellor actor protagonista, nesta ocasión por ‘¡Salta!’, longametraxe tamén apoiada pola canle pública galega.

‘Os espazos en branco’, no que colabora o ente público, impúxose na categoría de mellor documental. E na categoría de mellor realización o premiado foi ‘O Gran Camiño. Grandes Rutas a Pé do Mundo’, participado tamén pola TVG.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 21 - 40 de 69 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade