div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Noticias corporativas

Publicador de contidos

“Agalega.gal multiplica a posibilidade de levar a lingua e o cinema galego a todo mundo”

Santiago, 26.06.2024.- O director de Contidos da CRTVG, Fernando Ojea, participa esta semana no Promercat-València Film Market, foro dedicado ás producións audiovisuais que buscan a coprodución en linguas cooficiais, e interviu no debate Promercat Autonómico, no que explicou o modelo que segue a CRTVG para a selección e contratación de proxectos tanto de apoio ao cinema como de ficción de produción propia externa.

    Ojea salientou que nos últimos anos se observa “un aumento do interese dos proxectos que conectan co imaxinario colectivo dos galegos e se inspiran en feitos reais”, así como que a Corporación promove especialmente a súa participación en proxectos con valores de produción galegos, empezando pola lingua, e proxectos de creadores emerxentes con potencial de percorrido por festivais. “A CRTVG non ten vocación de organismo subvencionador, senón de medio de comunicación que aspira a levar o noso talento creativo ao público e aos mercados internacionais”, rematou.

    O director de Contidos da canle galega sinalou tamén que “a nova plataforma AGalega.gal é unha magnífica ferramenta que multiplica as posibilidades de levar a lingua e o cinema galego a todo mundo” destacando que “nos seus primeiros 5 meses de vida a Agalega.gal chegou xa a máis de 193 países”. Neste debate sobre o papel das televisións públicas na coprodución autonómica interviron tamén Alfred Costa, director xeral de À Punt; Oriol Sala-Patau, xefe de Ficción e Cine de TVC; Marta Comín, directora de IB3 e Vanesa Fernández Guerra, directora de Cultura e Euskera de EITB.

    Organizado polo Institut Valencià de Cultura, Promercat-València Film Market celébrase ata mañá día 27 no Institut Valencià d’Art Modern (IVAM), coorganizador do evento e conta coa colaboración de Cinema Jove e a canle autonómica À Punt.
……………………………………

ler máis

Gala de preestrea en Santiago da terceira temporada de 'Saudade de ti', que chega a TVG e á plataforma AGalega.gal

Santiago, 25.06.2024.-     A Televisión de Galicia presentou este martes en sociedade, cunha preestrea en Santiago de Compostela, a terceira temporada da serie ‘Saudade de ti’, que esta mesma noite chega ás pantallas e, a partir do mércores, á plataforma AGalega.gal. Os protagonistas e todo o equipo técnico desta produción de Voz Audiovisual para a TVG citáronse nos cines As Cancelas para celebrar a volta desta serie de éxito, que espertou unha grande expectación na audiencia galega nas dúas primeiras temporadas.

O elenco de ‘Saudade de ti’, entre os que se encontran, entre outros, os actores Manuel San Martín, Mayka Braña, María Tasende, Adrián Castiñeiras, Fran Nogueira, César Cambeiro e María Costas, entre outros, asistiu á posta de longo desta nova etapa da ficción.

A serie que namorou a toda Galicia emitirase este verán de martes a xoves despois do renovado ‘Atrápame se podes’. Realizada por Voz Audiovisual, regresa con 60 novos capítulos despois do éxito que acadaron no prime time as dúas primeiras temporadas. A terceira inclúe novos personaxes e novas tramas, como a construción dun novo porto deportivo que dividirá a vila de Abrente. Algúns veno como unha oportunidade de progreso, mentres que outros temen que desapareza o seu estilo de vida.

Tamén seguirá sendo protagonista o conflito amoroso do triángulo formado por Celia, Santi e Raúl. A temporada comezará coa doutora e o enfermeiro metendo as maletas nun coche. Marcharán xuntos a Verín ou, tristemente para Santi, as cousas non serán o que parece?

ler máis

'Raíña-me' chega esta semana á plataforma AGalega.gal coas súas transformacións de 'drag queens'

Santiago, 18.06.2024.-    A plataforma AGalega.gal suma esta semana novos contidos, entre os que se atopa ‘Raíña-me’, un contido exclusivo de AGalega.gal en que a artista Alexa Evans abre as portas do seu ‘Odragoiro’ a un convidado ou convidada especial en cada programa para transformar o seu aspecto por completo. Ademais, con retos sorprendentes e entrevistas lixeiras, comprobarase se os convidados teñen o que fai falta para converterse nunha nova raíña do drag. Estará dispoñible desde o xoves 20.

E este martes 18 de xuño quedará accesible ‘Música no foco’, dez cápsulas musicais visuais que se estrean coa artista Hydn, quen interpreta o seu primeiro tema en galego, ‘Augurio’, nas Torres de Oeste, en Catoira. Nesta serie de contidos, distintos autores da música contemporánea galega interpretan un dos seus temas nun marco natural. Cada semana engadirase unha nova peza, e a oferta comeza hoxe.

A oferta de cinema segue crecendo: o venres estréase ‘Os demos de barro’, unha coprodución galego-franco-portuguesa inspirada visualmente na cerámica tradicional portuguesa, que combina stop-motion e animación 2D. Dirixido a maiores de 7 anos, é un filme cun gran percorrido por festivais que conta a historia de Rosa, unha gran profesional e a estrela da súa empresa. Así e todo, destrúe a súa computadora fronte a todos os seus compañeiros de traballo e vaise da cidade para sempre.

Ademais destas estreas, o mércores 19 publicaranse novas entregas do programa ‘Historias mínimas’, que presenta historias contadas por persoas anónimas ante a cámara nun set móbil único que viaxa por toda Galicia. Ademais de poñer a disposición os capítulos que se estrearán esta fin de semana na TVG, publicaranse as primeiras temporadas do espazo, xa emitidas.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

ler máis

A película de animación ‘O soño da Sultá’, participada por TVG, acada o Premio Contrechamp do Festival de Annecy (Francia)

Santiago, 17.06.2024.- A longametraxe ‘O soño da sultá’, da directora Isabel Herguera e participada pola TVG, alzouse esta fin de semana co máximo galardón da sección Contrechamp do Festival de Annecy, referencia mundial do cine de animación. A película, que suma un novo premio internacional, é unha produción de Abano Producións, El Gatoverde Producciones, UniKo Estudio Creativo, Sultana Films, Fabian&Fred (España, Alemaña), co apoio da canle pública galega.
 
            A cinta baséase no conto escrito en 1905 por Rokeya Hossain, escritora nacional de Bangladesh (1880-1932), no que narra a súa historia persoal e a de Ladyland, un mundo utópico gobernado por mulleres. Herguera emprega distintas técnicas de animación, como a tradicional 2D en acuarela na primeira parte, os recortables en referencia ao teatro de sombras, e o estilo ‘mehndi’ ou tatuaxe temporal no que se emprega a henna.
 
            ‘O soño da sultá’ foi o primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial do Festival de San Sebastián. Ademais, logrou alí o Premio Irizar ao cine vasco e mais o Premio da Asociación Vasca de Guionistas Euskal Gidoigileen Elkartea.
 
            A nivel internacional acadou xa o Premio á Mellor Coprodución internacional no Festival de Hamburgo, o premio á mellor longametraxe de animación no Anima, Festival Internacional de Animación de Bruxelas e en maio alzouse en Tenerife co Premio Quirino de animación iberoamericana no apartado Mellor Desenvolvemento Visual. Tamén obtivo candidaturas aos premios máis destacados a nivel nacional: os Goya, os Forqué e os premios Feroz.

...............................................

ler máis

GFace, co tema ‘Vaivén’, gañador do concurso ‘A canción do verán 2024’ da CRTVG

Santiago, 13.06.2024.-       O concurso ‘A canción do verán 2024’ da CRTVG xa ten gañador. O tema ‘Vaivén’, do artista galego GFace, será a banda sonora dos medios galegos durante os vindeiros meses. GFace é Gabriel Fandiño, cantante e compositor de Tomiño (Pontevedra), de 22 anos, que xa conta con varias obras no mercado.
 
            Os ritmos latinos e próximos á bachata de ‘Vaivén’ convenceron o xurado do certame, que se reuniu este xoves en Santiago. O xurado da oitava edición do concurso estivo composto por Fernando R. Ojea, director de Contidos da Corporación; Montse Besada, xefa de Contidos da TVG; Natalia Penas, xefa de Contidos da Radio Galega; o coordinador de contidos dixitais da Corporación, Carlos Amado, e o presentador Xosé Manuel Piñeiro, que valoraron a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical dos traballos presentados.
 
            O premio está dotado de 1.500 euros e a visibilización durante todo o verán do tema gañador en todas as canles dixitais, de televisión e radio da CRTVG.
 
            Ademais da  canción de GFace que resultou gañadora, os membros do xurado elixiron catro finalistas máis: Nando Llon e Maxy Mini, co tema ‘O Chimpín’; Christian Pensado, con ‘Es d´aquí ou vés á festa?’; Fran Allo, con ‘A terra do mar’, e Jonathan Dasilva-Jonydasvie, con ‘Prty’.
 

 

ler máis

‘Ondas indies’ da Radio Galega Música despide a temporada cunha homenaxe a Los Planetas no seu 30 aniversario

Santiago, 12.06.2024.- A quinta temporada de ‘Ondas indies’ chega ao seu final este xoves 13 de xuño en Radio Galega Música. 198 capítulos desde que arrincou esta aventura, presentada por Víctor López, Eladio Santos e Marcos Vázquez, que aos poucos se foi facendo un oco no panorama musical galego sendo o lugar de difusión para a música feita en Galica e na nosa lingua.

​​​​​​​    Este xoves 13 de xuño, visita ‘Ondas indies’ Susana Laya, directora do Atlantic Fest que se celebra este verán en Vilagarcía de Arousa, e que vai reunir un bo número de artistas galegos, e ademais celebrará os 30 anos do primeiro disco da banda granaína Los Planetas, os pais do indie español, aos que o programa renderá a súa particular homenaxe.

    Lembramos as bandas que pasaron cada xoves ás 22:00 horas por este espazo da Radio Galega música: Galician Army, Triángulo de Amor Bizarro, Grande Amore, Berlai, Mondra, Capital Voskov, Pamela Rodríguez, Dios Ke Te Crew, Caamaño&Ameixeiras, Zavala, The Bo Derek´s. Terbutalina, Blanco Palamera, Silvia Penide, Nicolás Pastoriza, Amoebo, Candy´s Freckles, Maneiro, Carlos Ares, The Rapants, Anxo Araújo, Vértebras, Boyanka Kostova, Devalo, Santi Araújo, Lina de Sol, Grampoder, Mundo Prestigio, Leria, Isius, Bala ou Luis Fercán.Mais tamén, grandes artistas como Los Zigarros, Arde Bogotá, ou Mujeres fixeron oco no seu paso por Galicia para falar da súa relación co público galego nos micrófonos da Radio Galega Música.

    ‘Ondas indies’ tamén visitou os festivais de música como o Atlantic Fest, Son do Camiño, Portamérica, Terraceo, Ourense Sound Fest, FIV de Vilalba ou mesmo no Primavera Sound de Porto ou con proxectos musicais como o Galicia Muscalidade. E cada semana deu espazo ás novidades musicais de bandas emerxentes ou das que xa teñen un oco gañado para as indianas e indianos do universo indie galego.  O programa, xa convertido xa nun prescritor da nosa música, volverá en setembro na sexta temporada na que cumprirá 200 capítulos de boa onda.  
 

 

ler máis

Ao ‘Land Rober Tunai Show’ deste xoves veñen pintar a mona Ramón Arangüena e o streamer Guanyar

Santiago, 13.06.2024.- O ‘Land Rober Tunai Show’ (22:00 h) deste xoves recibe o xornalista e humorista Ramón Arangüena e ao  streamer  Guanyar, a poucas semanas da súa participación na xa famosa velada de Ibai. Roberto Vilar vai poñelos a proba e o público vai ter moito que ver nesta falcatruada.

    Esta semana volven ao espazo 'As tardes de Marilú'! O alcalde de Pazos faille o encargo dun cadro a un pintor xaponés, a ver como acaba o conto! E, coma sempre, o espazo da TVG contará co humor de Roberto Vilar, Eva Iglesias, Miguel Canalejo e Josiño Baño.

 

ler máis

‘Vaia Troula Alfombra G’ desde as festas de Santo Antón e 'AGalegaFest' co pop-rock galego, este mércores no prime time

O ‘Vaia troula alfombra G’ da TVG propón este mércores pola noite unha divertida sesión de photocall e alfombra vermella na festa de Santo Antón de Rodeiro así que o amor nas verbenas van  ser as grandes protagonistas do programa. E despois deste programa, unha nova entrega de ‘AGalegaFest’ coa música pop e rock galega actual, desde a sala Hermo de Muimenta, en Lugo.

 ‘Vaia troula alfombra G’ e desde Rodeiro (Pontevedra) a presentadora, Noelia Rey, coñecerá as historias de amor e paixón dos veciños e veciñas desta vila pontevedresa, ao ritmo da orquestra Los Satélites. Pola súa banda as reporteiras Adela Bértolo, Alejandra Tojo, Ángela Aboy e Jose Torres visitarán unha chea de festas de Santo Antón. En Lugo irán de verbena coa Panorama, no concello do Pino bailarán coas cancións da orquestra Cinema, e tamén en Rodeiro terán á París de Noia. Ademais estarán na ruta cabalar dedicada ao Santo Antón no concello lugués de Abadín, na festa da Carballeira da Baña, na gran comida popular de Alfoz, e na tradicional romaría da Xestosa, en Muras, que homenaxea ao santo do amor. Ao final do programa haberá unha emocionante cerimonia de entrega de premios. Cales serán os trouleiros máis fogosos?  E os que máis paixón amosan pola súa orquestra favorita?

AGALEGA FEST – POP-ROCK
    Despois de ‘Vaia troula’ TVG ofrece esta noite o terceiro dos eventos musicais ‘AGalega Fest’, cos que que a canle celebra a estrea da nova plataforma dixital de contidos ‘AGalega.gal’. A edición desta noite estará dedicada á música pop-rock coas actuacións de The Rapants e Mounoulius.Dop, así como de grupos emerxentes entre os que se pode citar Futuro Alcalde e o grupo Leria.

    Presentado polo compostelán Iago Pico, produtor de Tanxugueiras, desde a Sala Hermo de Muimenta (Lugo), este ‘AGalega Fest’ conta coa colaboración co dj Manu Turnes.

 

ler máis

'Pensando en ti' celebra este domingo os 28 anos do programa nunha gran festa no Carballiño

Santiago, 06.06.2024.-  Este domingo 9 de xuño, o parque municipal do Carballiño  converterase no estudio do ‘Pensando en ti’. O programa líder das noites da Radio Galega realizará unha emisión especial desde a localidade ourensá para celebrar os seus 28 anos en antena cunha gran festa cos seus oíntes.

Desde as 11:00 hMarcial Mouzo e Ricardo Saavedra poranlles cara ás historias dos milleiros de oíntes que cada noite os acompañan para se converter nos verdadeiros protagonistas das madrugadas da Radio Galega. Historias en primeira persoa que este domingo non terán fronteiras nun evento que contará con convidados sorpresa e oíntes chegados de toda Galicia e mesmo do resto de España.

María do Ceo, Sito Sedes, Tito Calviño, Sito Mariño e Isabel Blanco, entre outros, serán algúns dos artistas que estarán no Carballiño para sumarse á Xuntanza do ‘Pensando en ti’,  que chega xa á súa décimo sétima edición. O fin de festa correrá a cargo da orquestra Trébol.

Serán cinco horas de programa en directo en que non faltarán os rostros máis recoñecidos da CRTVG, como Kiko Novoa, Cristina García, Esther Estévez, Arturo Fernández, Lucía Veiga e Raquel Atanes, entre outros.

Esta edición especial do ‘Pensando en ti’ poderase seguir en directo polas plataformas AGalegaAudio e a AGalega.gal desde as 11:00 h.

Dunha xuntanza de catro amigos a unha festa de milleiros de oíntes
 
A festa do ‘Pensando en ti’ xurdiu como unha necesidade dos propios oíntes de coñecérense en persoa despois de compartir horas e horas de conversa na radio a través de chamadas telefónicas que acabaron estreitando lazos de amizade nas ondas ata conformar unha verdadeira familia en que se comparte a ledicia dos bos momentos, se acompaña e se anima nos malos, e se celebra a vida por enriba de todo. Desa necesidade xurdiu hai 18 anos unha xuntanza de catro deses amigos que quixeron compartir mesa e mantel como toda boa familia. Pero, ano a ano, esa quedada anual foi sumando máis membros ata se converter en todo un evento en que recintos como o de Silleda ou o de Cerceda quedaron pequenos para albergar a gran familia do ‘Pensando en ti’.

ler máis

A película ‘O soño da Sultá’, con selo da TVG, premiada en Gales, no Celtic Media Festival, como mellor cinta de animación

Santiago, 04.06.2024.-    A película ‘O soño da sultá’ apoiada pola Televisión de Galicia acadou esta tarde en Cardiff (Gales) o Premio Celtic Media Festival 2024 na categoría de animación no transcurso da 45ª edición deste certame, no que ata 12 producións galegas compiten con propostas de canles como a BBC, medios franceses e a RTE irlandesa. O premio foi recollido por Montse Besada, xefa de Contidos da TVG.

    ‘O soño da sultá’, unha fábula dirixida por Isabel Herguera e producida por Abano Producións, está inspirada nun conto feminista indio, escrito en 1905 por Rokeya Hossain. Esta coprodución internacional, con factura galega, foi primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional, incluíndo o premio á mellor longametraxe de animación que acaba de conseguir no Anima Film Festival de Bruxelas. En San Sebastián, ‘O soño da sultá’ gañou o premio Irizar e o premio da Asociación Vasca de Guionistas, e estivera tamén nominada nos Premios Goya deste 2024.

O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 45 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos na contorna internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns. Durante os vindeiros días, coñeceranse os gañadores nas restantes categorías dos Premios Celtic Media Festival 2024, aos que a TVG chegou cun total de 14 candidaturas.
 

ler máis

'É pecado', a miniserie de éxito sobre os anos oitenta en Londres, entre as estreas da semana en AGalega.gal

Santiago, 02.06.2024.-    Á estrea este domingo da ópera ‘Don Pasquale’, considerada a gran obra composta por Gaetano Donizetti e última gran ópera bufa italiana, a plataforma dixital AGalega.gal suma esta semana máis contidos en exclusiva, aos que se engade unha nova temporada de ‘Pratos Combinados’, unha das series máis aclamadas polo público, que quedará dispoñible o mércores día 5.

O martes día 4 amplíase o catálogo de cine feito en Galicia coa película ‘María Soliña’, dirixida por Ignacio Vilar, e o domingo día 9 ás 11:00 horas ofrecerase en directo a 17ª Xuntanza do espazo da emisora ‘Pensando en ti’, dispoñible en AGalegaaudio.gal e AGalega.gal.

O xoves, 6 de xuño chegará á plataforma unha nova entrega da serie documental ‘Historias de Aquí’, que está a repasar en distintas entregas capítulos recentes e sucesos da historia de Galicia, como o accidente aéreo de Montrove ou o suceso do Mar Egeo na Coruña. Na entrega desta semana, ‘O Edén’, repasarase o caso da orde dos Miguelianos de Oia (Pontevedra) e a causa xudicial que seguíu á detención do seu líder.

Xa o venres incorporarase ao catálogo de ficción de AGalega.gal a coñecida serie ‘É pecado’, miniserie inglesa de éxito que reflexiona sobre o impacto do sida nos anos 80 entre a poboación homosexual. En cinco capítulos, esta produción dramática narra a vida dun grupo de amigos nas rúas londinienses desa década. Cada semana irase estreando un novo capítulo.

Novos contidos en Xabarín.gal

Os pequenos da casa poderán gozar para o venres da estrea en galego de ‘A miña vida en Versalles’, película gañadora do Premio do Xurado no Festival de Annecy en 2019. Violeta, unha nena orfa de 8 anos vai vivir co seu tío, que traballa no palacio de Versalles. Alí, xunto cun gran oso de peluche, aprenderá a adaptarse á súa nova vida no que é un conto de fadas realista e encantador para ver en familia.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión liñal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarin son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

ler máis

A CRTVG destinará máis de 10 millóns de euros para desenvolver contidos de AGalega.gal en 2025

Santiago, 31.05.2024.-    O impacto da nova plataforma dixital de contidos da CRTVG, estreada en xaneiro, chegou ata agora a 193 países, segundo explicou o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, este venres na Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia, onde anunciou que os orzamentos de 2025 dos medios públicos galegos contarán cunha partida de máis de 10 millóns de euros destinados en exclusiva ao desenvolvemento de contidos da plataforma.

Sánchez Izquierdo indicou que desde o seu nacemento “AGalega.gal entrou e mantense entre as 20 primeiras plataformas de España. E non é menor o dato de que a maioría destas 20 plataformas teñen contidos en castelán, polo que o seu abano de público e moito máis amplo que o de AGalega.gal pero, con todo, estamos desde o inicio nese grupo de cabeceira das plataformas máis consumidas de España”. Tras España, os países desde os que máis se ven os contidos son: os Estados Unidos, o Reino Unido, Suíza, Alemaña, Portugal, Francia e A Arxentina. Completan a lista de 193 países algúns tan dispares como Fiji, Yemen ou Surinam, a onde tamén chegou AGalega.gal.

Xunto con AGalega.gal os medios públicos lanzaron en xaneiro de 2024 as súas xemelgas, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal. En total, agora mesmo hai subidos máis de 13.000 contidos de forma gratuíta e en galego, na que é a maior oferta audiovisual na nosa lingua. En AGalegaAudio.gal atópase toda a programación da Radio Galega e un amplo abano de podcasts e extras, mentres que Xabarin.gal reúne múltiples canles con toda oferta para a xuventude e para os máis cativos.

AGalega en cifras

Amais de chegar a 193 países, desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión liñal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Dispositivos móbiles e televisores intelixentes

Actualmente, a AGalega.gal pode accederse vía web e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes. Tanto AGalega.gal como a AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal son gratuítas.

Novidades e estreas exclusivas

A plataforma suma estes días, e coma cada semana, novidades á súa proposta. O domingo incorpórase a ópera ‘Don Pasquale’. Considerada a gran obra composta por Gaetano Donizetti e última gran ópera bufa italiana, a obra foi representada en Vigo o pasado outono, con Fernando Latorre e a soprano madrileña Natalia Labourdette nos papeis principais. E o xoves, 6 de xuño, chegará unha nova entrega da serie documental ‘Historias de aquí’, que repasa capítulos recentes e sucesos da historia de Galicia. Esta semana en ‘O Edén’ repasarase o caso da orde dos Miguelianos de Oia (Pontevedra) e a causa xudicial que seguiu á detención do seu líder. Xa o venres incoporarase ao catálogo de ficción a coñecida serie ‘É pecado’, miniserie inglesa de éxito que reflexiona sobre o impacto do sida nos anos 80 entre a poboación homosexual. En cinco capítulos, esta produción dramática narra a vida dun grupo de amigos nas rúas londinienses desa década. Cada semana irase estreando un novo capítulo. A estas novidades engádese unha nova temporada de ‘Pratos Combinados’, unha das series máis aclamadas polo público que quedará dispoñible o mércores.

Os pequenos da casa poderán gozar para o venres da estrea en galego de ‘A miña vida en Versalles’, película gañadora do Premio do Xurado no Festival de Annecy en 2019. Violeta, unha nena orfa de 8 anos, vai vivir co seu tío que traballa no palacio de Versalles. Alí, xunto cun gran oso de peluche aprenderá a adaptarse á súa nova vida, no que é un conto de fadas realista e encantador para gozar en familia.

ler máis

A película de animación 'Os demos de barro', participada pola TVG, álzase con dous Premios Sophia, os galardóns do cinema portugués

Santiago, 27.05.2024.-    ‘Os demos de barro’, película de animación participada pola Televisión de Galicia, alzouse con dous Premios Sophia, os galardóns da Academia Portuguesa do Cine, na gala celebrada onte no Gran Casino de Estoril. O filme, primeira longametraxe de animación coa técnica stop-motion producida en Portugal, resultou gañador nas dúas categorías ás que optaba: mellor canción e mellor banda sonora.

A película de animación producida por Xosé Zapata e Carlos Juárez faise por primeira vez para unha película española con dous dos principais galardóns do cinema luso. Ademais, é a primeira vez que unha película galega gaña un premio da Academia Portuguesa do Cinema.

O premio de mellor canción orixinal foi para a composición ‘Caretos’, do grupo portugués Os Gaiteiros de Lisboa, con letra de Possidónio Cachapa e música de Carlos Guerreiro, e a mellor banda sonora foi para a composición realizada polo músico portugués Carlos Guerreiro e o galego Manuel Riveiro, que se converteu así no primeiro músico español que acada o premio da Academia Portuguesa do Cine. Integrante do lendario grupo folk Milladoiro, Riveiro é un compositor especializado en música de cine, foi candidato aos Premios Goya no ano 2019 pola súa banda sonora para ‘A sombra da lei’, e é autor da música da curtametraxe de animación ‘The Monkey’, gañadora do Goya en 2022.

‘Os demos de barro’, dirixida por Nuno Beato, é unha coprodución de Caretos Film e Basque Films (España), Sardinha em Lata (Portugal) e Midralgar (Francia) que foi estreada nestes tres países. Participou na Sección Oficial do Festival de Annecy, dedicado ao cinema de animación, e o ano pasado foi candidata a mellor longametraxe de animación nos Premios Goya.

ler máis

A CRTVG emite este luns o debate electoral no marco da campaña dos comicios europeos do 9 de xuño

Santiago, 24.05.2024.-    Logo de emitir este pasado xoves o debate dos candidatos a presidir a Comisión Europea desde Bruxelas, a CRTVG ofrece este luns 27 de maio, ás 10:00 horas, desde os estudios de San Marcos o debate entre os candidatos de PSOE, PP, Agora Repúblicas (ERC, Bildu, BNG, AM), Sumar e Ciudadanos ao Parlamento Europeo.

Producido desde o Estudio Multimedia da Radio Galega, o debate será emitido pola primeira canle de TVG, na Radio Galega, o portal G24.gal e a plataforma dixital AGalega.gal ás 10:00 horas e estará moderado por Alberto Varela, xefe de Planificación Informativa da Radio Galega.

Participan nel Nicolás González, candidato do PSOE, Francisco Millán Mon, candidato do PP, Ana Miranda, candidata por Agora Repúblicas (ERC, Bildu, BNG, AM), Juan Díaz Villoslada, candidato de Sumar e Javier Nart, por Ciudadanos.

Nesta campaña electoral europea, os medios públicos galegos emitirán a diario edicións informativas en todos os seus medios sobre a actualidade das candidaturas que concorren ás eleccións do vindeiro 9 de xuño. En cumprimento do plan de cobertura depositado na Xunta Electoral, terán especial atención mediática nesta campaña as formacións que obtiveron mellores resultados nos últimos comicios comunitarios: PSOE, PP, BNG (integrado na coalición Agora Repúblicas), Sumar e Ciudadanos.

O debate dividirase en catro bloques e rematará con intervencións dun minuto por parte dos candidatos. Estes bloques temáticos son transición industrial, enerxética e ecolóxica, así como impulso da soberanía económica e comercial da Unión Europea; o sector primario de Galicia desde unha perspectiva europea: pesca, gandería e agricultura; o futuro do financiamento europeo en Galicia, balance da execución dos Fondos Next Generation e o reto que pode supoñer a ampliación da UE a novos países, e, por último, os grandes retos do continente: a defensa común, o avance tecnolóxico e a intelixencia artificial.

Entrevistas do 3 ao 7 de xuño ás 10:00 h

Na primeira semana de xuño, a CRTVG realizará entrevistas cos candidatos das cinco formacións, que se emitirán ás 10:00 h. de forma simultánea por TVG, na Radio Galega, o portal G24.gal e a plataforma dixital AGalega.gal. A primeira será o luns 3, con Ciudadanos, o martes 4 con Sumar, o mércores 5 será a entrevista co BNG (Agora Repúblicas), o xoves 6 emitirase a entrevista co PP, e o venres 7 co voceiro do PSOE

Xornada electoral, a TVG desde Bruxelas o 9 de xuño

A canle pública prepara unha ampla cobertura da xornada electoral con dous puntos de directo en Bruxelas cos xornalistas Marcos Sueiro e Alexandre Mato. Tamén, un Especial Informativo, entre as 19:55 e as 00:00 h, que ofrecerá toda a actualidade arredor do peche dos colexios e da enquisa de Sigma Dos.

Seguirase todo o escrutinio, que non se coñecerá ata as 23:00 h (co peche dos últimos colexios electorais en Italia) e achegaranse as claves do resultado interpretadas por un equipo de analistas, nun espazo presentado polos xornalistas Marta Darriba e Carlos Amado. Tamén a Radio Galega ofrecerá un Especial Informativo entre as 19:55 e as 00:00 h, con mesa de análise e a moderación dos xornalistas Luís Ojea e Celia Rúa.

O portal G24.gal ofrecerá o minuto a minuto da xornada desde a apertura de colexios, cos avances de participación e as votacións dos candidatos ata o peche de colexios e as reaccións dos partidos políticos.

ler máis

O documental 'A Cero.5' participado pola TVG gaña o Prix Europeo CIRCOM na categoría 'Minorías sociais'

Santiago, 23.05.2024.-    O documental ‘A Cero.5’, participado pola Televisión de Galicia, foi premiado co Premio CIRCOM 2024 na categoría Minorías sociais na gala celebrada este xoves en Poznan (Polonia), no marco da 40ª conferencia anual de CIRCOM, a rede de 250 medios públicos e centros de produción rexionais presentes en 29 países de Europa. O galardón ao documental ‘A Cero.5’ foi recollido polo seu autor e protagonista, o vigués ‘Gonzalo Suárez, de mans do director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, quen tamén ostenta a Secretaría Xeral da entidade europea.

‘A Cero.5’ é o documental autobiográfico de Gonzalo Suárez, quen narra as súas vivencias despois de quedar parapléxico a raíz dun accidente. A peza, producida en 2021, amosa como a práctica do baloncesto no club vigués AMFIV, a competitividade e o compañeirismo lle axudaron a superalo. ‘A Cero.5’ está dispoñible na plataforma dixital AGalega dos medios públicos.

O xurado dos premios estivo formado por 14 profesionais das áreas de produción e emisión das canles europeas, que tiveron que elixir entre producións de canles de 23 países. Ademais da TVG, tamén foi premiada a produción da EITB ‘El conquistador del fin del mundo’, na categoría de entretemento e ficción, e acadaron mencións especiais outras dúas producións da canle vasca e da televisión autonómica de Cataluña.

Este premio para o documental ‘A Cero.5’ súmase aos galardóns acadados pola TVG en edicións anteriores deste certame. En 2023, a serie da TVG e a RTP ‘Motel Valkirias’, gañara o premio CIRCOM no apartado de entretemento e ficción.
    
En 2022 resultaran premiadas a presentadora Noelia Rey, co galardón ao Novo Talento en Pantalla, e a produción ‘3 camiños’, cunha mención especial na categoría Entretemento e ficción. O premio Novo Talento en Pantalla recaera xa en 2019 na xornalista da TVG Alba Mancebo.

E en 2020 CIRCOM premiara o documental ‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría Minorías en sociedade. En anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de televisión. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM.

* Imaxe, cedida por CIRCOM

ler máis

AGalega.gal estrea hoxe en exclusiva 'Somos criminais', con Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán

Santiago, 22.05.2024.-    A plataforma dixital AGalega.gal segue a incorporar contidos cada semana e aumentando a súa proposta de ficción e entretemento en galego. Este mércores AGalega.gal estrea en exclusiva ‘Somos criminais’, un dos espectáculos de teatro de máis éxito da escena galega, en que os actores Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán analizan Galicia e os seus habitantes para saber como somos e porque somos como somos. A produción, unha montaxe de Ainé Producións, poderá verse tamén na TVG o sábado no espazo ‘Fila 1. Butaca G’ (22:00 h).

Os fans da serie de culto ‘Mareas Vivas’ dispoñen desde hoxe de todos os seus capítulos, xa que á primeira temporada, dispoñible desde xaneiro en AGalega.gal, súmanse as nove temporadas restantes. E o xoves, 23 de maio, chegará á plataforma o concerto ‘AGalegafest’, gravado na Sala Inn da Coruña, que conta coas actuacións de, entre outros, os artistas Mondra, Grande Amore, Ortiga e Boyanka Kostova.

E o venres incoporarase ao catálogo de cinema a película ‘A familia que ti elixes’, filme de 2019 que ten como protagonistas a Shia LaBeouf, Dakota Johnson e Zack Gottsagen e que narra a historia dun mozo con síndrome de Down que foxe da súa residencia para perseguir o seu soño de converterse en loitador profesional.

Novos contidos en Xabarín.gal

As novidades tamén chegan estes días a Xabarin.gal, a app para os máis pequenos da casa. O xoves estréase a serie ‘Lucas etc’, unha produción belga centrada nun rapaz de 12 anos que chega a unha nova familia adoptiva e ten que aprender rapidamente a adaptarse á nova situación.

E o venres estrearase en Xabarin.gal a mediametraxe de animación francesa ‘Mamá é pura chuvia’, cinta que foi candidata a mellor especial de animación nos Premios Annie de 2021, e que desenvolve dúas fermosas historias cheas de maxia e tenrura que abordan a xestión das emocións dos máis miúdos da casa.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 10.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua.

Tanto AGalega como as apps AGalegaAudio e Xabarin son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast  e nas principais televisións intelixentes.

ler máis

A CRTVG busca a canción que lle porá a banda sonora ao verán de 2024

Santiago, 21.05.2024.-    A CRTVG anda á a procura da canción do verán, do tema que será a súa banda sonora durante os vindeiros meses. Un ano máis, os medios públicos abriron a convocatoria dun certame que ten como obxectivo apoiar a música en galego e descubrir novos talentos, e que premiará con 1.500 euros un tema inédito e orixinal escrito e cantado en lingua galega.

Os intérpretes e grupos interesados en participar na oitava edición do concurso teñen ata o 9 de xuño para enviar as súas propostas, que non deberán exceder dos tres minutos de duración e que poderán ir acompañadas dun vídeo musical. As cancións deberán enviarse en formato mp3 a canciondoveran2024@crtvg.gal, nun correo onde consten os datos das persoas participantes (nome, apelidos, DNI, teléfono e enderezo completo, tanto do intérprete como do compositor e/ou letrista), e remitilas en formato mp4, no caso de presentar un vídeo.

Unha vez rematado o prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección do tema gañador do concurso, que será escollido por un xurado composto por cinco persoas designadas pola dirección da CRTVG, que valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. No veredicto, que se coñecerá o 13 de xuño, incluirase tamén unha lista puntuada ata o quinto posto.

Todos os participantes no concurso cédenlle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública por televisión en todos os sistemas, así como a través de Internet, da canción e do seu vídeo, de ser o caso. As bases do certame poden consultarse na web da Corporación.

A canción gañadora desta edición do concurso sucederá a ‘Son feliz’, un tema do profesor de música de Foz Pedro Abelardo Rodríguez, que o ano pasado convenceu o xurado por ter todos os ingredientes para ser a canción do verán e pola historia de superación que conta.

ler máis

Escolares de Laxe, A Pobra de Trives, Ames, San Vicente do Grove, Santa Comba e A Illa de Arousa, gañadores dos Premios DígochoEu

Santiago, 16.05.2024.-     O equipo do DígochoEu rematou o curso entregando os seus III Premios escolares a seis vídeos sobre lingua que foron elixidos entre preto dun centenar de traballos presentados por escolares de toda Galicia, na terceira convocatoria deste certame. Na categoría de primaria, o premio DígochoEu de Ouro foi para o CPI Plurilingüe Cabo da Area, de Laxe, polo vídeo ‘E ti, queres ser laxense por un día?’; o de Prata levouno o CEIP A Maía de Ames, cun vídeo titulado ‘Palabras polisémicas nas Olimpíadas’, e o DígochoEu de Bronce recaeu no CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza de Santa Comba, coa súa historia ‘Lingoreteiros do mundo’.

    Na categoría de secundaria, o IES Xermán Ancochea Quevedo, da Pobra de Trives gañou o premio de Ouro polo seu vídeo ‘O Entroido de Manzaneda, o folión de Mourela pra cá’. O premio de Prata foi para o IES As Bizocas de San Vicente do Grove, que presentou un traballo titulado ‘Díghocho meu!’, e o IES Illa de Arousa levou o de Bronce, co vídeo chamado ‘A dorna das cen palabras’.

    Os premios foron entregados polos membros do xurado, a xornalista Paula Señarís, o produtor musical Iago Pico e Mª Manuela Leis, en representación da Secretaría Xeral da Lingua, nun acto ao que asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias.

    Arredor de 500 escolares, os seus mestres e familiares encheron o anfiteatro nun evento que foi retransmitido pola plataforma dixital AGalega.gal e será emitido tamén por TVG mañá, Día das Letras Galegas, ás 11:30 h.  A gala conta co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua e a colaboración de GADIS. Os vídeos quedarán accesibles desde mañá na plataforma de contidos infantís e xuvenís Xabarin.gal e tamén en AGalega.gal onde tamén se poderá volver ver a gala.

    Os centros gañadores, que gravaron os vídeos co apoio do programa e a participación de Esther Estévez, obtiveron como premio de Ouro 500 euros; os de Prata, 300, e os premios de Bronce, 200 euros. Esta terceira edición do concurso de vídeos DígochoEu recibiu máis dun cento de propostas de centros de toda Galicia, entre as que o xurado tivo que decidir, valorando a calidade lingüística e expresividade dos participantes, a súa orixinalidade e a innovación do contido.  

 

 

ler máis

O soño da sultá, participada por TVG, acada o Premio Quirino de animación iberoamericana ao Mellor Desenvolvemento Visual

Santiago, 13.05.2024.-   A longametraxe ‘O soño da sultá’, da directora Isabel Herguera e participada pola TVG, segue a conseguir premios. Esta fin de semana alzouse en Tenerife co Premio Quirino de animación iberoamericana no apartado Mellor Desenvolvemento Visual.

A película, una produción de Abano Producións, El Gatoverde Producciones, UniKo Estudio Creativo, Sultana Films, Fabian&Fred (España, Alemania), co apoio da canle galega, sumou este novo premio na VII edición destes galardóns iberoamericanos, que recoñecen o labor da industria da animación en homenaxe ao director Quirino Cristiani, quen fora o creador da primeira longametraxe de animación da historia, en 1917, a película arxentina ‘O Apóstolo’, para a que se fixeran a man 58.000 debuxos.

‘O soño da sultá’ foi o primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional. En marzo alzárase co premio á mellor longametraxe de animación no Anima, o Festival Internacional de Animación de Bruxelas.

A cinta contou desde o seu lanzamento co recoñecemento da crítica. Ademais de ser a primeira longametraxe de animación europea en participar na sección oficial en San Sebastián, logrou o Premio Irizar ao cine vasco e mais o Premio da Asociación Vasca de Guionistas Euskal Gidoigileen Elkartea. A nivel internacional acadou xa o Premio Mellor Coprodución internacional no Festival de Hamburgo e tamén obtivo candidaturas aos premios máis destacados a nivel nacional: os Goya, os Forqué e os Feroz.

A gala dos Premios Quirino tivo lugar este domingo no Teatro Leal de San Cristóbal da Laguna (Tenerife), con 25 obras finalistas escollidas entre 247 filmes.

ler máis

As AcciónsG da CRTVG poñen o foco na Semana Mundial da Inmunización da ONU

Santiago, 30.04.2024.-    No marco da Semana Mundial da Inmunización de Nacións Unidas, a CRTVG está a desenvolver unha nova #AcciónG de Responsabilidade Social Corporativa, cunha campaña de concienciación arredor da importancia da vacinación para protexer a sociedade, nenos e maiores, de enfermidades que se poden previr.

A Televisión de Galicia está a emitir estes días unha peza divulgativa na súa programación. A campaña céntrase no slogan #AíndaQueNonOVexas, que incide na protección silenciosa e invisible que supoñen as vacinas para a nosa saúde, e que tamén se pode ver no portal web

Esta #AcciónG dos medios públicos apoia o labor divulgador da ONU das medidas colectivas necesarias para protexer a persoas das enfermidades que preveñen as vacinas en todo o mundo. Ademais, a Organización Mundial da Saúde está a colaborar cos seus asociados para axudar os países a retomar o camiño que lles permita protexer máis persoas contra enfermidades neste ano en que se celebran os 50 anos do Programa Esencial en Inmunización (EPI, en inglés).

Programas informativos da TVG e a Radio Galega colaboran coa campaña emitindo contidos relacionados. Entre outros contidos, nos seus Telexornais, no espazo radiofónico ‘Convivir’ ou no magazine matinal ‘A Revista’ que xa recibiu a coordinadora de UNICEF Galicia, Irene Marín, para explicar o labor de UNICEF neste eido. 

A CRTVG é socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas e encadra as súas accións de Responsabilidade Social Corporativa no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas.

Esta nova acción persegue tamén apoiar e difundir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible número 3, Saúde e benestar, e número 10, de Redución das Desigualdades. As #AcciónsG son as campañas de RSC da CRTVG para actuar, para provocar o cambio e lograr unha sociedade mellor e máis responsable.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 21 - 40 de 75 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade