div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

CRTVG Viva

Publicador de contidos

A TVG estrea esta noite 'The Hit List', un divertido 'gameshow' musical de entretemento para toda a familia

Santiago, 03.12.2024.-   Chega aos fogares galegos ‘The Hit List’, o divertido gameshow musical de entretemento para toda a familia, que a TVG estrea esta noite (21:45 h). En cada programa, tres parellas porán a proba os seus coñecementos musicais intentando adiviñar o título e intérprete dunha serie de cancións relevantes na historia da música. 

Os presentadores serán Rafa Durán e a exconcursante de ‘Operación Triunfo’ Miriam Rodríguez, no seu debut coma presentadora dun espazo televisivo da TVG. O ritmo do programa estará marcado por fragmentos musicais pertencentes á musica popular galega, española e do mundo, dende os anos setenta ata a actualidade. Cada parella terá a oportunidade de conseguir un bote de 6.000 euros demostrando o seu oído musical en catro probas distintas: ‘Cinco de cinco’, ‘Caza o hit’, ‘Listas e pistas’ e ‘A lista final’. 

A nova proposta da Televisión de Galicia para a noite dos martes baséase nun dos programas musicais de máis éxito internacional, ‘The Hit List’, da BBC británica. O gameshow conta con sete temporadas e chegou a outros países europeos coma Francia, Finlandia ou Países Baixos. En España, estreouse xa na canle autonómica canaria.

O formato do programa, unha produción de La Región e Topanga Crea para a TVG, está dirixido a todos os espectadores. Grazas á gran variedade de cancións, xéneros musicais e idades dos concursantes, persoas de calquera xeración poderán gozar deste programa.

A procedencia dos primeiros concursantes de ‘The Hit List’ enfrontará tres cidades galegas. As parellas están compostas por María e Rut, dúas amigas que veñen de Ourense; Salma e Antonio, tamén amigos, procedentes de Vigo, e José Luis e Alba, pai e filla, da Coruña.

ler máis

A Copa do Rei de fútbol xógase esta semana nos medios públicos galegos

Santiago, 02.12.2024.-  Os medios públicos galegos acompañan esta emocionante semana para o fútbol galego, en que cinco equipos (Ourense, Deportivo, Celta, Rácing de Ferrol e Pontevedra) disputan a segunda rolda da Copa do Rei. Unha das citas máis atractivas desta fase chegará o mércores a través da TVG e a Radio Galega, coa retransmisión do derbi galego Ourense C. F.-Deportivo (20:00 h). O conxunto ourensán, que este ano debuta na Primeira Federación, volve medirse co club herculino tras perder un amigable na pretemporada no Couto por 0-4.

O xoves será a quenda do Rácing de Ferrol, que se despraza a terras vascas para enfrontarse co Barakaldo C. F. no campo de Lasesarre. Os ferrolás, na categoría de prata desde hai dúas temporadas, deberán superar a súa dinámica de seis encontros consecutivos sen coñecer a vitoria en Segunda fronte ao conxunto biscaíño, que actualmente milita nos primeiros postos da táboa na 1ª Federación e é un dos históricos do fútbol vasco. A G2 e a Radio Galega ofrecerán este partido o xoves, ás 20:00 horas.  

A Radio Galega, tamén co Celta e co Pontevedra

A Radio Galega retransmite de martes a xoves os catro partidos da Copa do Rei de fútbol. Esta semana o fútbol non para na sintonía da Radio Galega, por FM e pola plataforma AGalegaAudio.gal xa que o espazo deportivo ‘Galicia en goles’ da emisora pública ofrecerá tamén os partidos Salamanca-Celta e Pontevedra-Vilarreal

O martes, ás 20:30 h, a atención pasará polo histórico estadio Helmántico, onde o terceiro equipo do Celta perdía o ascenso á Segunda RFEF o pasado mes de xuño. Desta volta, o primeiro conxunto, dirixido por Claudio Giráldez, visita o Salamanca como claro favorito para acceder á terceira rolda, programada para a primeira semana do 2025. Esta temporada o cadro céltico volve depositar moitas esperanzas nesta competición, coa ilusión de acceder ás eliminatorias definitivas que lle permitan soñar coa disputa da final.

E o mércores, desde as 19:45 h, a primeira función xogarase no Couto, onde o Ourense C. F. recibe o Deportivo da Coruña nun histórico derbi que seguramente encha as bancadas, especialmente de seareiros branquiazuis. Unha hora máis tarde comezará en Pasarón o Pontevedra-Vilarreal (21:00 h), onde o cadro castellonenco parte con vantaxe clara, xa que compite na Primeira División. Así e todo, o ‘hai que roelo’ volverá estar presente xa que os granates recuperaron o liderado da Segunda RFEF o pasado sábado e na primeira fase deixaban fóra do torneo un club da Segunda profesional, o Levante, e por riba cunha goleada de 4-1. Xa o xoves, tamén desde as 19:45 horas, o Rácing de Ferrol medirase co Barakaldo, conxunto que milita no grupo primeiro da Primeira RFEF.
 

ler máis

Xabarín.gal estrea 'Bibopalula', a primeira serie de animación musical en galego

Santiago, 29.11.2024.-    A plataforma infantil Xabarin.gal estrea hoxe en exclusiva ‘Bibopalula’, a primeira serie de animación musical en galego, coproducida pola CRTVG, que este mesmo domingo tamén se presentará no Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que se celebra en Pontevedra.

Producida por Undodez e a Televisión de Galicia e dirixida por Laura Mahía e Andrés Mahía, trátase dunha serie musical deseñada para ver múltiples veces por espectadores principiantes, de ata 4 anos. Colorida, divertida e ambientada nun bosque amable, ‘Bibopalula’ componse de historias de cinco minutos protagonizadas por paxaros que teñen un grupo musical e en que a natureza -e os seus ciclos- ocupa sempre un lugar principal.

Este grupo musical, chamado a Banda do Bosque, está formado pola pega Pegui, o merlo Merli, o paporrubio Robin e o peto Carpin. A eles uniranse en cada episodio outros tantos paxaros, coas voces de intérpretes galegos coñecidos polo público como Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé A. Touriñán. Cada capítulo remata cun vídeo dun tema musical orixinal, composto por Santi Jul e Iván Laxe.

‘Bibopalula’ busca presentarlles a vida natural próxima a nós ás nenas e nenos que se achegan por vez primeira ao audiovisual. Na súa primeira temporada, a serie conta con 55 capítulos de 5 minutos de duración, dos que os 20 primeiros están dispoñibles desde este venres en Xabarin.gal.

Presenza en Culturgal

Despois da súa estrea na plataforma infantil dos medios públicos galegos, a serie  chegará este domingo, 1 de decembro, a Culturgal. A partir das 11:30 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra proxectaranse dous capítulos e as máis pequenas e pequenos coñecerán un dos protagonistas da serie, que repartirá un agasallo moi especial a todos os asistentes. Xosé A. Touriñán será o encargado de presentar o acto.

Proximamente, ‘Bibopalula’ viaxará tamén a outros territorios, onde se adaptará a outras linguas grazas a diferentes operadores.

ler máis

'Prefiro condenarme', película documental apoiada pola TVG, obtén mención especial no Festival de Sevilla

Santiago, 19.11.2024.-   A película documental ‘Prefiro condenarme’ foi distinguida esta fin de semana coa mención especial do xurado da sección ‘Las Nuevas Olas’ no Festival de Sevilla. Esta nova película da cineasta galega Margarita Ledo Andión, que contou co apoio da CRTVG do 6 % a producións audiovisuais de interese, é un documental creativo que conta a historia real dunha muller maltratada desde a perspectiva da directora.

Producida por Nós Produtora Cinematográfica Galega, narra a historia das mil caras de Sagrario Ribela Fra, mariscadora da ría de Ferrol, que desafiou as normas sociais e eclesiásticas da época na súa loita polo amor e a igualdade. Nai díscola, cunha esfera familiar en perpetuo desasosego, afrontou un xuízo por adulterio aos 33 anos en 1972, a causa da filla que ten co seu amante. A película, en cuxa narración se empregan imaxes de arquivo e os lugares como ferramentas para que aflore a memoria, aborda os temas da violencia, os malos tratos, a opresión social e a loita polos dereitos. Ademais da participación de Sagrario, conta no elenco con Nardo Beceiro, Melania Cruz, Mónica Camaño, Iria Pinheiro e Antón Lopo.

‘Prefiro condenarme’ chega aos cines o 22 de novembro -e proximamente na TVG e en AGalega.gal-, en datas previas á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller (25 de novembro) e ten a distinción de “especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero” por parte do Ministerio de Cultura.

ler máis

A Radio Galega convida os oíntes a ver este xoves 'Ao Contraataque' desde A Sede

Santiago, 18.11.2024.-   O programa deportivo da Radio Galega 'Ao Contraataque' convida os oíntes para presenciar en directo a emisión este xoves dunha edición dedicada ao Celta desde A Sede, na rúa Príncipe. 

A presidenta, Marián Mouriño, e o adestrador do primeiro equipo, Claudio Giráldez, serán os protagonistas a partir das dez da noite. Pedro Pablo Alonso, director do espazo, tamén dará visibilidade ao recén creado equipo feminino, que compite na Terceira Federación. 

A presenza de 'Ao Contraataque' esta semana en Vigo prodúcese na semana en que o equipo vigués afronta un dos partidos máis atractivos da temporada, recibindo o sábado en Balaídos o FC Barcelona. Tras o paro polos compromisos das seleccións, o Celta regresa á competición ligueira enfrontándose ao líder, aínda que na última xornada perdeu en San Sebastián fronte á Real Sociedade.

Marián Mouriño analizará nos micrófonos da Radio Galega o primeiro ano de xestión á fronte do club centenario. Mentres, Claudio fará balance da primeira parte do campionato e responderá ás moitas preguntas que xurdirán sobre o encontro fronte ao Barça.

'Ao Contraataque' tamén reservará un tempo para a presentación do equipo feminino, denominado As Celta, e acaba de estrearse na Terceira RFEF co obxectivo de ir ascendendo de categorías nas próximas temporadas para achegarse á categoría profesional de Primeira F.

Como cada día, a emisión de 'Ao Contraataque' chegará a través da FM da Radio Galega e a plataforma AgalegaAudio.Gal, onde ao remate do programa xa estará dispoñible o enlace para a escoita en diferido.

ler máis

As curtas escolares de animación do certame 'Nós tamén creamos!', xa dispoñibles na plataforma Xabarin.gal

Santiago, 08.11.2024.-   Alumnos de educación infantil e primaria de sete centros escolares galegos recolleron este venres os seus premios como gañadores do concurso de curtametraxes de animación en galego ‘Nós tamén creamos! 2024’, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a CRTVG e OQO editora. Todas as curtas premiadas e as do resto dos 24 centros participantes están realizados coa técnica stop-motion e están xa dispoñibles na plataforma infantil da CRTVG, Xabarin.gal. 

O primeiro galardón da categoría de 2º ciclo de educación Infantil foi para o proxecto Caracola, da EEI do Vao (Pontevedra) e déuselle un accésit a Quen levou o pemento de Padrón das EEI de Escravitude, de Pontecesures. O premio para 1º e 2º de educación primaria foi parar ao audiovisual Quen levou a Lúa?, do CEIP Carlos Casares, de Nigrán (Pontevedra), mentres que a distinción en 3º e 4º de educación primaria recaeu en Quen levou a Lúa?, do colexio CEIP  A Igrexa-Calo, de Teo (A Coruña). Nesta categoría, tamén se decidiu entregar un accésit ao audiovisual Chocolata, do CEIP Plurillingüe Condesa de Fenosa, do Barco de Valdeorras (Ourense).

Finalmente, na categoría de 5º e 6ª de primaria, o primeiro galardón foi para o traballo O que ten que aprender un cempés, do CEIP Viñagrande-Deiro, de Vilanova de Arousa (Pontevedra). A maiores, distinguiuse cun accésit á curtametraxe A sopa queima, do CEIP Ramón Otero Pedrayo, da Laracha (A Coruña). 

No acto participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho; o responsable da área audiovisual de OQOeditora, Borja Guerrero; e a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, Marta Fernández Sánchez.

Xabarin.gal ofrece preto de 3.500 contidos infantís e xuvenís en galego

AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, supera xa o millón de usuarios, desde a súa creación en xaneiro. A plataforma, xunto con AGalegaAudio.gal e a app para os máis pequenos, Xabarin.gal, suma xa case 22.000 contidos, dispoñibles tanto en versión web como a través das app. 

Dentro de Xabarin.gal atópanse preto de 3.500 contidos infantís e xuvenís, en galego, tanto de ficción como de animación, e entre os traballos desta 12ª convocatoria de curtas de animación 'Nós tamén creamos!'.         

ler máis

A CRTVG aposta polo deseño galego co novo videopodcast 'Movendo marcos'

Dani Bembibre.

Santiago, 06.11.2024.-  A Radio Galega estrea novo videopodcast co deseño e a creatividade como protagonistas. 'Movendo marcos', dispoñible desde esta semana nas plataformas AGalega.gal e AGalega Audio, tanto en formato de vídeo como de son, vai poñer cara aos creadores e creadoras que fan deseño en Galicia ou que, sendo de Galicia, fan deseño arredor do mundo. Desde o deseño gráfico ata a arquitectura, pasando pola ilustración, o deseño de interiores e a artesanía, entre outros moitos eidos, cada capítulo proporá unha hora de conversa en profundidade con algúns dos profesionais máis relevantes de Galicia.

'Movendo marcos' é conducido polo deseñador Daniel Portela e a xornalista Clara Rial e nas súas primeiras tres entregas ofrece entrevistas con Dani Bembibre, do estudo Costa, sobre o concepto de rebranding ou redeseño de identidades corporativas; coa deseñadora Uqui Permui, nunha conversa centrada no deseño social; e co deseñador e educador Marcos Dopico, neste caso arredor da formación académica e a tipografía.  Cada episodio explora o traballo dos profesionais e os seus proxectos máis emblemáticos, co fin de dar a coñecer a importancia do deseño galego, o seu impacto social e tamén económico, tanto a nivel local como internacional.

'Movendo marcos' pode seguirse nas plataformas AGalega.gal e AGalega Audio e é unha mostra máis do compromiso da CRTVG co talento e a creatividade do país, dando un espazo para recoñecer e visibilizar os grandes nomes do deseño galego, ao tempo que se achega ao público un contido ameno e en formato accesible.

AGalega.gal ofrece preto de 22.000 contidos en galego, en aberto

AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, supera xa o millón de usuarios, desde a súa creación en xaneiro. A plataforma, xunto con AGalegaAudio.gal e a app para os máis pequenos, Xabarin.gal, suma xa case 22.000 contidos, dispoñibles tanto en versión web como a través das app.

Ademais dos podcasts de todos os programas de Radio Galega e Radio Galega Música, na plataforma AGalegaAudio.gal poden atoparse podcasts e videopodcasts exclusivos de humor, cine,  historia,  ficción, cultura, música, etc. 
 

ler máis

As Tanxugueiras visitan o 'Quen Anda Aí?' para festexar o programa 1.000

Santiago, 04.11.2024.-    O espazo da TVG ‘Quen Anda Aí?’ celebra este mércores 1.000 tardes acompañando os espectadores da Televisión de Galicia, con tres horas de directo diarias, de luns a venres. A participación da audiencia, os concursos, o humor e a música teñen un gran peso no magazine, que celebrará o programa nº 1.000 coa actuación especial de Tanxugueiras e coa presenza do cantante Rayden.

O programa está presentado por Roberto Vilar, Juan Fuentes e Raquel Atanes, e conta coa colaboración doutras caras coñecidas para os espectadores como Marcial Mouzo e Eva Iglesias. Durante os case cinco anos que leva en antena -desde xaneiro de 2020- polo seu estudio pasaron multitude de colaboradores e máis de 5.000 convidados. Realizáronse neste tempo máis de 2.000 conexións en directo con reporteiros que percorren a xeografía galega para achegarlle ao público todo que suceda.  

20.000 minutos cociñando en directo

A súa popular sección ‘A voltas co prato’, presentada por Fran Cañotas,  acumula 20.000 minutos de cociña en directo. Este particular duelo entre dous cociñeiros que traballan contra o reloxo para preparar unha receita que conquiste o padal do convidado da xornada é tamén un dos grandes éxitos destes 1.000 programas.

ler máis

A canle @g24noticias da CRTVG supera a fronteira dos 100.000 seguidores en Instagram

Santiago, 10.10.2024.-  Arredor de 7 millóns de persoas informáronse a través da conta de Instagram @g24noticias no último mes. A conta @g24noticias nesta rede social acaba de alcanzar os 100.000 seguidores, e as visualizacións disparáronse ata os 33 millóns, datos que consolidan a cada vez maior presenza dixital dos servizos informativos da Galega como referentes da información.

@g24noticias ten presenza, ademais de en Instagram, en X, Facebook, Tiktok e YouTube, e conta cunha canle de WhatsApp, ofrecendo un servizo integral en tempo real que completa a oferta informativa que supón o portal G24.gal.

Neste último mes, a conta @g24noticias chegou a dous millóns de espectadores únicos en TikTok, e a 3,1 millóns en Facebook. O incremento total das redes sociais da CRTVG no que va de ano, supón un 26 % máis que no mesmo período do ano pasado.

AGalega.gal ofrece 20.500 contidos en galego, en aberto

 AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, superou en setembro o millón de usuarios, en apenas 8 meses de vida. A plataforma, xunto con AGalegaAudio.gal e a canle para os máis pequenos, Xabarin.gal, suma xa case 20.500 contidos, dispoñibles tanto en versión web como a través das apps.

ler máis

Todos os encontros europeos do Baxi Ferrol, na Galega desde este mércores

Santiago, 8.10.2024.-   Os medios públicos galegos ofrecerán, en directo, os partidos do Baxi Ferrol na Eurocup feminina de baloncesto. A primeira retransmisión da competición será este mércores, ás 20:00 horas desde A Malata, contra o Galatasaray turco, un dos conxuntos máis potentes do seu grupo.

A G2 e AGalega.gal, que mañá acompañan ás ferrolás no seu debut no grupo J da competición regular europea, emitirán tamén os restantes encontros nos que o Baxi Ferrol se medirá nesta fase de grupos, co Brno da República Checa e co Sportiva Azores luso. A Galega emitirá os seis partidos que as xogadoras da cidade naval enfrontarán cos tres clubs de baloncesto. Os partidos disputaranse en mércores, entre o 9 de outubro e o 27 de novembro.

As xogadoras de Lino López compiten este ano en dous torneos moi esixentes, como son a Liga Feminina Endesa e a competición europea, á que chegaron tras unha fase previa impecable. Todo un fito histórico para as xogadoras ferrolás, que compiten nun campionato que reúne algúns dos mellores equipos europeos desta disciplina. Co Baxi Ferrol-Galatasaray arranca mañá unha ilusionante temporada de baloncesto nos medios públicos galegos.
 

ler máis

A Galega.gal supera o millón de usuarios

Santiago, 27.09.2024.-  AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, acaba de superar o millón de usuarios (1.096.845) en apenas 8 meses de vida. Neste tempo AGalega.gal chegou tamén a máis de 200 países, e segue situada no Top 20 das plataformas de España. Ademais, o mes pasado AGalega.gal marcou o seu máximo histórico, ao situarse nun 2,8 % de cota mercado, a cifra máis alta desde o seu nacemento, segundo o informe de SigmaDos30, subindo tres décimas con respecto ao informe anterior.  Estes datos foron achegados polo director xeral da CRTVG este venres no Parlamento de Galicia, na súa comparecencia mensual ante a Comisión de Control aos medios públicos galegos.

Máis de 400 millóns de impresións

G24.gal, a web informativa, alcanzou no que levamos de 2024 un total de 1,5 millóns de usuarios activos, que xeraron 9 millóns de visitas. Máis da metade dos usuarios (790.000) acceden directamente á canle, o que é un importante baremo en termos de fidelidade.  

En relación ás redes sociais, segue a expansión, e no que vai de ano as contas das cinco principais redes sociais (Facebook, TikTok, X, Instagram e YouTube) levan 416 millóns de impresións, o que supón un 26 % máis que no mesmo período do ano pasado, logrando unha interacción con más de 11 millóns de persoas. 

ler máis

O documental da TVG 'Demasiados días desastrosos. Dislexia' estréase na Filmoteca de Galicia na Coruña

Santiago, 26.9.2024.-   O documental da Televisión de Galicia ‘Demasiados días desastrosos. Dislexia’ estréase este xoves, ás 20:30 horas, na Filmoteca de Galicia na Coruña. A produción, dirixida e producida por Jorge Algora, responsable de Adivina Producciones, pon o foco, desde un punto de vista educativo e sensibilizador, no problema e as consecuencias que entraña a dificultade para ler ou escribir. Emitirase proximamente na TVG ao tempo que se incorporará tamén aos contidos da plataforma dixital AGalega.gal.

Neurólogos, psiquiatras, psicólogos, logopedas, pais e nais, achegan datos, anécdotas e explican como viviron as secuelas emocionais que provoca a dislexia. Entre estas testemuñas que participaron na produción, Algora contou coa participación da súa esposa, Susana Maceiras, directora de produción de Adivina, e do seu fillo Pablo, que hoxe ten 22 anos. 

Segundo se lembra no documental, un 10 % da poboación española sofre dislexia en distinto grao. Unha porcentaxe que, cando afecta os menores, supón unha influencia negativa no rendemento escolar. Os nenos e nenas, cando dan os seus primeiros pasos na lectura en Educación Infantil ou Primaria, sofren un trastorno na súa aprendizaxe por inconvenientes ao identificar os sons da fala e aprender a relacionalos coas verbas e as palabras.

Nun sistema de aprendizaxe baseado na lectura e na escritura, os obstáculos que teñen que sortear para saír adiante coa dislexia orixina nos estudantes problemas de ansiedade o depresión, perda de autoestima, acoso ou marxinación. Situacións indesexables que, con frecuencia, se producen nos centros de ensino e afectan os estudantes desde idade temperá. 

ler máis

A TVG retransmitirá os equipos galegos de 1ª RFEF esta temporada

Santiago, 17.09.2024.-  A  Primeira RFEF volve á TVG. No ano en que a Primeira División volveu as pantallas da Televisión de Galicia grazas á emisión dos partidos do R. C. Celta, a Primeira RFEF tamén volve á casa. R. C. Celta Fortuna, C. D. Arenteiro, C. D. Lugo e Ourense CF pelexarán polo liderado do Grupo Primeiro da categoría, e a batalla comeza esta fin de semana, o sábado ás 19:30 h. co R. C. Celta Fortuna-Unionistas de Salamanca.

A TVG e ATM Broadcast, a empresa que posúe os dereitos desta categoría, chegaron a un acordo para a emisión de 50 partidos durante esta temporada e os encontros poderán verse en toda España a través da plataforma AGalega.gal, e tamén na televisión a través G2. A Radio Galega no ‘Galicia en goles’ fará coma sempre tamén especial cobertura da categoría con narración e seguimento dos partidos dos equipos galegos.

AGalega.gal é a plataforma dixital de contidos en galego máis grande do mundo e pode accederse a ela de balde.

ler máis

O labor dos medios rexionais públicos europeos reunidos en CIRCOM, recoñecidos no 'FesTVal' de Vitoria-Gasteiz

Santiago, 10.09.2024.-  A canle de televisión vasca EITB outorgou un dos premios Saria da XVIª edición do FesTVal de Vitoria-Gasteiz á rede de canles europeas de televisión CIRCOM en recoñecemento da solvencia desta asociación “que traballa no eido dos medios audiovisais públicos rexionais promovendo a colaboración das canles a través de toda Europa”. O galardón foi recollido por Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG e secretario xeral de CIRCOM, quen salientou a extensa rede de traballo que supón CIRCOM-Regional e a recente incorporación á asociación do sistema público regional de Ucrania.

Ojea agradeceu o galardón e explicou na súa intervención que a entidade reúne “250 televisións e centros de produción que agrupan arredor de 12.000 xornalistas e que cada semana producen 2.000 horas de informativos”. Tamén, que “o traballo das canles de CIRCOM-Regional supón un centenar de emisións en linguas territoriais, cooficiais ou minoritarias”.

Na mesma gala recoñeceuse tamén o labor de FORTA, Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos, polos seus 35 anos coordinando ás entidades asociadas “no intercambio de contidos e polo seu apoio integral”.

ler máis

A plataforma AGalega.gal preestrea os martes os cinco capítulos semanais da ficción 'Saudade de ti'

Santiago, 26.08.2024.-   Os fans da ficción galega ‘Saudade de ti’ teñen desde mañá a oportunidade de ver na plataforma AGalega.gal os cinco episodios semanais da serie, previa á súa estrea na Televisión de Galicia. Cada martes, os seguidores da serie terán unha oportunidade única para coñecer con antelación as tramas e a súa evolución, desde calquera dispositivo e á hora que o desexen. 

O día seguinte, o mércores 28, a plataforma publicará a película ‘Everly’. O filme conta a historia de Everly, unha prostituta que traballa como escrava sexual para un xefe do crime xaponés, Taiko, e que se enfronta aos axentes que lle enviou este ao descubrir que estaba colaborando coa policía para derrubar a súa organización. Estará dispoñible durante 30 días.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Videoxogo (29 de agosto), AGalega.gal publica a serie ‘Xogando en galego’, cinco pequenos capítulos que tratan sobre videoxogos que se poden xogar en lingua galega. Esta produción de Recuncho Gamer presentada por Ángela Triana e Jon Amil abrangue aventuras gráficas de corte pixelado como 'Yuppie Psycho', matamarcianos con inimigos que parecen sacados dunha ría galega como 'Fullblast', crebacabezas coloridos como 'Magic Twins', ou xogos de velocidade, ben sexa en coches veloces como os do 'Super Woden GP 2', ou ben en carrilanas por Esteiro adiante como no 'Gran Prix Turbotalina'.

Os espectadores poderán ver, amais, esta semana a última entrega de ‘O armario’, espazo exclusivo da plataforma e dirixido á Xeración Z, en que se descobren os armarios dalgúns dos galegos máis coñecidos nas redes sociais. A protagonista deste capítulo será a comunicadora Natalia Alcayde.

E o sábado 31 de agosto, a TVG e AGalega.gal estarán en directo desde a Festa da Istoria de Ribadavia a partir das 10:30 h.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, na que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, máis de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta. Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. 

ler máis

Volve a Primeira División de fútbol á Televisión de Galicia, desde o 26 de agosto

Santiago, 05.08.2024.-  A CRTVG volve emitir partidos da Primeira División da Liga de Fútbol Española. O acordo asinado polos medios públicos galegos cos propietarios dos dereitos televisivos desta Liga 2024/25 fai posible que se emitan, desde o 26 de agosto, partidos do R. C. Celta de Vigo, único representante galego na máxima categoría do fútbol español.

A estrea das retransmisións será o partido Vilarreal-R. C. Celta o luns 26 de agosto, ás 21: 30 h desde Castelló. O partido poderá verse pola primeira canle de TVG e pola plataforma dixital AGalega.gal.

ler máis

A Televisión de Galicia será medio oficial do Atlantic Fest 2024

Santiago, 10.07.2024.-     A CRTVG volve ser este verán ‘medio oficial’ do Atlantic Fest, que se celebrará na praia da Concha de Vilagarcía de Arousa do 19 ao 21 de xullo. Convertido nun dos grandes eventos musicais do verán galego, o festival foi presentado este mércores nun acto no Pazo da Golpelleira, en que participou o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias.

O festival contará con artistas como MIKA ou Crystal Fighters e coa a actuación especial de Los Planetas, celebrando o trixésimo aniversario do seu álbum ‘Super 8’. Soarán tamén Silvia Pérez Cruz, Carlos Sadness, Depedro, Andrés Suárez, Sidonie, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Elefantes, Cariño, Luis Fercán, The Parrots, Gazella e Rocío Saiz.

Ao longo do ano, a CRTVG apoia e colabora cun amplo número de eventos culturais por toda a xeografía galega, e viaxará este verán ata ‘onde estás ti’, como reza a súa campaña de estío. Deste xeito, estará presente en festivais musicais, de cinema, artes escénicas ou do eido audiovisual, como xa fixo no PortAmérica, retransmitindo en streaming o festival a través da plataforma AGalega.gal. A TVG pechou a temporada 23/24 como a canle de España con máis tempo de programación dedicado á música. É tamén a primeira canle en cota de pantalla no xénero de artes escénicas, cun 12,5%, e a que máis cota de pantalla acada en España sobre programas culturais.

ler máis

AGalega.gal estrea este mércores en exclusiva o programa 'O Armario', dirixido á xeración Z

Santiago, 08.07.2024.- AGalega.gal suma esta semana novos contidos, entre os que se atopa ‘O armario’, un programa exclusivo da plataforma da CRTVG, dirixido á Xeración Z, en que os espectadores descubrirán como empregan algúns dos galegos máis coñecidos nas redes sociais o seu armario e cales son as súas pezas de roupa preferidas, entre outras cousas. Estará dispoñible a partir do mércores 10 de xullo.

O venres 12 de xullo a CRTVG trasládase ao Festival de Ortigueira, que desde hai máis de catro décadas é un dos referentes musicais do verán en Galicia e unha cita ineludible para os amantes da música folk de todo o mundo, para retransmitir en directo (00:50 h) por AGalega.gal a actuación dunha das novas promesas da música galega: Fillas de Cassandra. Este dúo interpreta temas que fusionan melodías tradicionais con ritmos contemporáneos, o que as converteu nun dos grupos de referencia da escena trad. As súa proposta aposta pola creación de novas líricas, con influencias que beben da tradición oral, a electrónica ou a música clásica.

A oferta de cinema tamén segue medrando na plataforma dixital dos medios públicos: o venres estréase ‘Xubilación imposible 2’, unha divertida produción francesa de 2022 que conta a historia duns avós que pensan que van gozar dunha tranquila xubilación ata que chegan os netos a cambialo todo. Está dirixido a maiores de 7 anos.

Ademais, este mesmo luns poderán comezar a consumirse os capítulos dos novos programas ‘Fake News’ e ‘Confidencias’, tras as súas emisións na TVG. E o martes  estará dispoñible a cuarta emisión de ‘Música no foco’, en que distintos autores da música contemporánea galega interpreten un dos seus temas nun marco natural. Desta volta, estará protagonizada por Filloas, artista de pop urbano en galego, e a canción ‘NPC’ na Fervenza de Casariños, en Fornelos de Montes. Ese mesmo día, estarán dispoñibles ao completo todas as temporadas da serie de éxito ‘Serramoura’, un thriller rural que se desenvolve nunha aparentemente tranquila vila do interior galego.

O xoves chegará á AGalega.gal o documental ‘Xosé Conce Corbal, creación e compromiso’, sobre a figura do pintor pontevedrés, influenciado pola xeración Nós e cunha extensísima obra ás súas costas. O seu fardel componse de retratos, prazas, feiras, fauna e paisaxes; mais tamén reserva un espazo para a denuncia social cunha escura serie sobre os terribles sucesos da Guerra. Tamén se publicará un novo capítulo de ‘Raíña-me’, un contido exclusivo de AGalega.gal en que a artista Alexa Evans abre as portas do seu ‘Odragoiro’ a unha convidada especial, neste capítulo, a creadora dixital Leti da Taberna, para transformar o seu aspecto por completo.

Estrea en Xabarin.gal de ‘Osmar, a primeira rebanda do pan de molde’

Ademais destas emisións, o mércores 10 de xullo será a estrea en Xabarin.gal da serie de animación ‘Osmar, a primeira rebanda do pan de molde’, que conta a historia dunha tapa do pan de molde que comparte apartamento coa baguette Stevie. Os dous sobreviven aos infortunios do día a día como poden, métense en leas e toman malas decisións. Poranse a disposición do público os dez primeiros capítulos, engadindo un novo cada semana.

Tamén chegan a Xabarín.gal os contidos dos finalistas e gañadores de ‘Nós tamén creamos 2024’, un concurso de curtas realizado por estudantes das escolas de Galicia.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

 

ler máis

A serie británica de ciencia ficción 'The feed' chega este mércores á plataforma AGalega.gal

Santiago, 03.07.2024.-    A plataforma AGalega.gal suma esta semana novos contidos, entre os que se atopa ‘The Feed’, unha produción británica ambientada nun futuro próximo. A serie conta a historia dunha familia que crea un implante cerebral usado para manter conectada a sociedade e gardar recordos, pero todo cambia cando a vida da xente comeza a estar en perigo. Esta ficción de suspense foi producida e dirixida polos autores de ‘Black Mirror’ e ‘The Walking Dead’. A temporada enteira estará dispoñible a partir de hoxe mércores.

E este venres 5 de xullo estréase ‘Saliut, heroes do espazo’, unha película baseada en feitos reais sobre a fazaña dos cosmonautas soviéticos no seu intento por salvar a estación espacial Saliut 7. O filme está protagonizado por Lyubov Aksyonova, Vitaliy Khaev, Pavel Derevyanko e Oksana Fandera, entre outros, e en 2017 foi candidato a mellor película no Festival de Sitges e nos Golden Eagle Awards.

Ademais, segue medrando a oferta de producións galegas en Agalega.gal: o xoves 4 de xullo publícase un novo capítulo de ‘Raíña-me’, a serie de entrevistas e retos para ver quen pode ser a nova raíña do drag. Esta semana o convidado será o grupo galego de música urbana Amoebo.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

ler máis

A serie animada de ciencia ficción 'Atomic Betty' chega este martes a Xabarin.gal

Santiago, 01.07.2024.-    Esta primeira semana de xullo chegan novidades á aplicación Xabarin.gal, que o martes día 2 estrea a serie animada de ciencia ficción ‘Atomic Betty’, cuxa protagonista é unha nena de dez anos que, aínda que lle gustan as cousas típicas da súa idade, tamén forma parte dunha organización que ten como misión salvar a galaxia axudada por un piloto alieníxena, Sparky, e o robo X-5.

Ademais, Xabarin.gal porá o venres a disposición dos usuarios, en exclusiva, unha colección de curtametraxes sobre a aceptación das propios orixes para valorar o que nos fai diferentes. 

Esta nova oferta está integrada por ‘O meu amigo tigre’, sobre a amizade entre unha cría de tigre e unha nena que reside na cidade; ‘Falas de marabilla’, en que unha nena de ascendencia camboxana sente vergoña das súas orixes debido aos ataques racistas que sofre na vida diaria; ‘Idodo’, unha lenda fantástica indíxena do clan Ziag Zagaz de Papúa Nova Guinea que narra por que os peixes dos arrecifes presentan tal cantidade cores; ‘Curry azul’, un reflexión sobre a cor de pel da xente, e ‘Día de lavado’, sobre unha rapariga que ten unha masa de pelo tan longa e rebelde que non o dá peiteado a xeito.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, a AGalega, AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 57 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade