div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

CRTVG Viva

Publicador de contidos

A Radio Galega retransmite o sábado desde Mestalla o Valencia-Celta

Santiago, 23.11.2023.- A última fin de semana do mes de novembro presenta un amplo abano de retransmisións deportivas na Radio Galega. O venres, desde as 20:30 h, a primeira edición de ‘Galicia en goles’ estará dedicada ao baloncesto, coa cobertura dos partidos Burgos-Basquet Coruña e Gipuzkoa-Ourense, da Liga Española.

O sábado, a partir das 15:00 h, toda a atención estará posta na Primeira División de fútbol. Desde Mestalla, o equipo da Radio Galega contará o Valencia-Celta, no recomezo do campionato tras o descanso polos compromisos das seleccións nacionais. Aqueles seareiros que teñan previsto seguir o partido pola televisión teñen a opción de audio da Radio Galega para escoitar a narración.

Logo chegará o derbi da Primeira RFEF que disputan no Anxo Carro o Club Deportivo Lugo e o Arenteiro do Carballiño. Ademais, o ‘Galicia en goles’ informará da Terceira RFEF, con este calendario: Pontevedra B-ArousaArteixo-Estradense e Bouzas-Barbadás. Mentres, os afeccionados ao baloncesto terán nas plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes a emisión íntegra do Obradoiro-Granada, da Liga ACB, que tamén se escoitará no audio 2 do dial 65 de Movistar.

O proxecto #GaliciaEnXogo chegará aos oíntes en tres entregas durante o sábado. A primeira, ás 13:00 h, desde Vilamarín. A segunda, ás 23:00 h, dedicada ao mundo do motor, tras rematar a pasada fin de semana o campionato galego. Por último, ás 23:30 h, o espazo olímpico contará co resume semanal da actividade dos deportistas galegos que preparan os Xogos de París 2024.

Xa o domingo, o deporte terá unha continuidade de máis de 13 horas na grella da Radio Galega. Ás 11:45 h, as primeiras retransmisións serán de fútbol da Segunda e Terceira RFEF, con atención especial ao Ourense CF-GuijueloFabril-Caión e Vilalbés-Langreo. Desde as 14:00 h, a emoción estará no fútbol profesional da Segunda División coa visita do Rácing de Ferrol ao líder, o Leganés. Esta emisión tamén se escoitará no audio 2 da canle de televisión La Liga Hypermotion, que transmite por varios operadores de pagamento. Ao remate, continuará o fútbol co Celta Fortuna-Real Sociedad BCovadonga-Pontevedra e Compostela-Coruxo. A partir das 20:00 h, Riazor será o punto de directo co Deportivo-Osasuna Promesas. Mentres, as plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes ofrecerán integramente ao mediodía o Breogán-Zaragoza, que tamén chegará polo audio 2 do dial 64 de Movistar.

Ao final da xornada, entre as 23:00 e as 00:00 h, os especialistas de ‘Ao contraataque’ pasarán consulta para debater sobre os resultados dos nosos equipos. Xa na última hora, de 00:00 a 01:00, os adestradores e xogadores da Terceira RFEF serán entrevistados para analizar os nove partidos desenvolvidos durante a fin de semana.


Colaboración con UNICEF

Ademais, desde o venres e ata o domingo, o programa ‘Galicia en goles’ divulgará tamén os principais contidos da Semana da Infancia de UNICEF, centrada no benestar do deporte e a protección da rapazada desde os clubs. Mesmo algúns nenos e nenas exercerán de comentaristas nos partidos destacados da xornada galega.

ler máis

Noelia Rey e Rocío Durán acompañarán a Xosé Ramón Gayoso nas badaladas da TVG en fin de ano

O presentador Xosé Ramón Gayoso volverá presentar o ‘Especial badaladas’ da TVG na noite de fin de ano desde a praza do Obradoiro, onde estará acompañado polas presentadoras Rocío Durán e Noelia Rey, actualmente á fronte dos espazos ‘Hora galega’, nas tardes da TVG e do noticieiro de humor ‘Malicia noticias’.

 Gayoso pechará deste xeito un 2023 moi especial, no que mesmo se anunciou que abandonaba o estudio de ‘Luar’, o que propiciou ata un concurso entre quince presentadores para substituílo. A broma rematou hai unhas semanas coa súa volta á fronte do espazo máis querido da canle. Agora volverá tamén acompañar os galegos e galegas na conta atrás para estrear o ano 2024. 

A presentadora Rocío Durán triunfa na pantalla coa emisión do magazine das tardes ‘Hora galega’, estreado en 2022. Pola súa parte, a ourensá Noelia Rey é unha cara moi coñecida da TVG. A xornalista, que recolleu o Premio Circom ao Novo Talento en Pantalla 2022, presentou espazos como ‘Vaia troula’ e actualmente conduce o noticieiro ‘Malicia noticias’ en clave de humor no prime time da canle.

ler máis

Rosa Vilas recolleu o Premio Paraugas honorífico do Clúster da Comunicación en recoñecemento á súa carreira

Ferrol, 17.11.2023.- Rosa Vilas, adxunta á dirección xeral da CRTVG, recolleu este venres o Premio Paraugas honorífico do Clúster da Comunicación de Galicia, en recoñecemento a súa traxectoria profesional. Nunha gala celebrada no Teatro Jofre de Ferrol, a xornalista foi homenaxeada pola súa carreira e como pioneira xa que foi a primeira muller en dirixir a Televisión de Galicia, no 2009.

Na súa intervención, Rosa Vilas agradeceu e recoñeceu o importante papel dos equipos da TVG na súa carreira e tivo tamén unha lembranza para outra xornalista pioneira, Rosa Martínez, recentemente falecida, compañeira e ex-directora da Radio Galega. Rematou as súas palabras adicando o premio aos seus dous fillos aos que agradeceu, emocionada, "o apoio incondicional e a vosa comprensión por tantas ausencias durante todos estes anos".

A traxectoria de Rosa Vilas (Cambados, 1966) está vencellada á historia dos medios públicos galegos, xa que antes de dirixir a canle de televisión fora tamén a primeira muller que exerceu como redactora xefa e subdirectora de informativos da TVG. Este Premio Honorífico dos VIII Premios Paraugas enxalza, por tanto, o seu destacado labor como xornalista e tamén o seu papel como pioneira no seu sector. Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, en 1989 comezou a súa traxectoria na CRTVG, nos primeiros anos como presentadora e editora do ‘Telexornal mediodía’, e posteriormente en cargos directivos.

En 2014, Rosa Vilas pasou a ser a directora da División de Radio e Televisión de Galicia da CRTVG. Máis adiante, en 2017, foi nomeada directora adxunta á Dirección Xeral da CRTVG e, posteriormente, directora de Organización e Xestión do Cambio, adxunta á Dirección Xeral da CRTVG responsable do deseño e desenvolvemento da dixitalización e do modelo produtivo da CRTVG como operadora dixital multimedia, multiplataforma e multicanle. Ao longo da súa carreira profesional, Rosa Vilas recibiu distincións como o Premio Talento de Televisión da Academia da Televisión en 2014 ou o Premio Enrique Beotas na modalidade de entrevista en 2016.

Premios Paraugas

O Clúster da Comunicación de Galicia puxo marcha hai oito anos os Premios Paraugas para poñer en valor a calidade do traballo do sector da comunicación en Galicia. Cada ano, neste 2023 por primeira vez fóra de Ourense, os galardóns recoñecen traballos de creativos, axencias de publicidade, entidades, imprentas, e proxectos de comunicación de marketing feitos desde Galicia.

www.clustercomunicacion.gal

ler máis

Un 'Luar' dedicado á Semana coa Infancia recibe no escenario a Andy y Lucas, Cómplices e María do Ceo

Santiago, 24.11.2023.- ‘Luar’ emite esta noite un programa especial dedicado a dar visibilidade ao traballo de UNICEF, na XIII Semana coa Infancia, da que participa a CRTVG xunto coa ONG para concienciar en torno aos dereitos dos menores. Ao longo da noite, os presentadores do espazo, Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez, irán lembrando os artigos da Convención sobre os Dereitos do Neno. 

Coma sempre, ‘Luar’ chegará tamén cargado de música e entretemento. Subirán ao escenario os dúos Andy y Lucas e Cómplices, a artista pop Yoli Saa ou a orquestra Mar Azul, coa mellor representación do folclore galego. O humor poñerano Campos e Crespo.

Logo de 20 anos de carreira, oito álbums, tres recompilacións e 20 discos de platino, Andy y Lucas deixarán a música, tras unha última xira de despedida, que comezará o vindeiro 20 de abril no Gran Teatro Falla, de Cádiz. Á espera desta parada, os espectadores da TVG gozarán hoxe de pegadizas melodías como ‘Son amores’.

Ademais, o musical contará esta noite coa fadista María do Ceo e, no apartado de folclore galego, co grupo de música e baile tradicional Os Trazantes de Tenorio e a Foliada Vaiboa. E no concurso ‘Recantos’ participarán Paula Meda, por Terras de Pontevedra, e Bea García, das Terras do Eume.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 41 - 44 de 44 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade